A ampliación das bonificacións das peaxes da AP-9 tramitaranse pola vía de urxencia
A ampliación das bonificacións das peaxes da AP-9 tramitaranse pola vía de urxencia
As forzas do Parlamento de Galicia reiteran o pedimento unánime da transferencia da autoestrada
Rueda agarda que o Goberno cumpra o compromiso de aprobar as bonificacións
Circular pola autoestrada que vertebra Galicia de norte a sur será máis accesible para o peto dos condutores que utilicen esta vía de xeito frecuente. "Aínda que o orzamento é prorrogable e non se dispón de crédito, tramitaranse estas reducións de peaxe para que se poidan materializar o antes posible. O martes irá a Consello de Ministros", avanza o Ministro de Transportes.
Serán case 28 millóns de euros máis que permitirán ampliar ata un 50 % as bonificacións nos traxectos de ida e volta realizadas en 24 horas coa mesma orixe e destino. Desde o PSdeG din que é un paso cara á gratuidade.
"Estamos a favor do traspaso. O rescate virá cando previamente se declare ilegal o aumento da prórroga. Pero mentres tanto os socialistas de Galicia dicimos que hai que camiñar cara á gratuidade", xustifica Xosé Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG.
O Parlamento de Galicia xa se pronunciou en varias ocasións coa unanimidade das forzas políticas para esixir a transferencia da AP-9. O BNG pide que non se adíe o debate.
"Axilizar a transferencia da autoestrada do atlántico que tramita o Congreso por petición unánime e reiterada por parte do Parlamento de Galicia", reclama o deputado do BNG, Néstor Rego.
Desde o Partido Popular falan de incumprimento do pacto de investidura entre o PSOE e o BNG.
"O pacto de investidura co independentismo galego foi papel mollado. PSOE e BNG asinaron a gratuidade da peaxe. Agora o goberno central intenta colarnos como gran triunfo unha pequena rebaixa", di Paula Prado, secretaria do Partido Popular de Galicia.
O Ministro de Transportes volverá comparecer no Congreso a petición do Partido Popular para dar conta dos pasos de cara a transferencia da autoestrada.