A Asociación contra o Cancro apoia medidas transversais antitabaco para lograr unha xeración europea libre de fume en 2040
A Asociación contra o Cancro apoia medidas transversais antitabaco para lograr unha xeración europea libre de fume en 2040
A Asociación contra o Cancro apoia medidas transversais antitabaco para lograr unha xeración europea libre de fume en 2040
A xerente da AECC na Coruña, Gema García Abril, apoia o endurecemento das restricións proposto polo Goberno
As comunidades autónomas danse 15 días de prazo para analizar o borrador do novo plan de loita contra o tabaquismo elaborado polo Goberno, logo da xuntanza da comisión técnica do consello interterritorial de Saúde celebrada en Madrid.
O documento non especifica as medidas concretas, pero xa se avanzou que, de lograr o consenso necesario, traería consigo unha reforma lexislativa para ampliar os ámbitos onde fumar estea prohibido, e tamén para equiparar, no que se refire a restricións, etiquetaxe ou publicidade, as novas formas de consumo de nicotina, como os cigarros electrónicos ou o tabaco quentado, ao formato tradicional.
Desde a Asociación Española contra o Cancro, a súa xerente na Coruña, Gema García Abril, cre que todos estes novos atrancos para o tabaco son beneficiosos para a sociedade. Nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega, García Abril destacaba "a importancia das medidas efectivas para reducir o acceso dos mozos ao tabaco", e tamén poñía o foco sobre a transversalidade da loita contra este hábito.
"É esencial que as medidas de control abarquen todos os aspectos, desde a fiscalidade, a publicidade, a dispoñibilidade do tabaco..., polo tanto apoiamos totalmente a idea de incrementar a lexislación".
García refírese ao reto de alcanzar "a primeira xeración europea libre de tabaco no ano 2040", un obxectivo para o que incide na importancia de alertar dos riscos asociados a fumar e se dificulte o acceso aos mozos.
Por iso avoga por "construír os consensos necesarios" na esfera política e que se dean pasos, tamén, na asimilación da regulación que rexe para o tabaco tradicional coa que se aplica aos vapeadores, moito máis laxa na actualidade. "Non está demostrado que axuden a deixar de fumar, e pola contra si está demostrado que son precursores do consumo", advirte.
Pero ademais de loitar contra este hábito desde a Asociación tamén piden máis recursos para a investigación en terapias para pacientes con cancro. Malia felicitarse polo "crecemento exponencial da supervivencia" dos enfermos de cancro nos últimos anos grazas en boa parte aos avances en novas terapias, "necesitamos recursos para seguir investigando, sobre todo en cancros con menos supervivencia".
O obxectivo, lograr unha supervivencia do 70 % en 2030 para os doentes de cancro. García Abril pon en valor os recursos destinados pola AECC a proxectos de investigación -1,3 millóns de euros na provincia da Coruña o ano pasado- grazas a doazóns, patrocinios e a solidariedade social. Os fondos destínanse, a través da fundación científica da asociación, a convocatorias anuais de concorrencia competitiva que teñen en Galicia, neste momento 15 grupos de investigación beneficiarios.