Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Audiencia mantén a Dani Alves en prisión preventiva e sen fianza

A Audiencia mantén a Dani Alves en prisión preventiva e sen fianza

A Audiencia de Barcelona ve un "elevado risco de fuga" do futbolista e "severos" e "diversos" indicios de criminalidade

O xogador do Barcelona leva no cárcere desde o 20 de xaneiro

G24.gal 21/02/2023 10:16 Última actualización 21/02/2023 11:49

A Audiencia de Barcelona acordou manter en prisión preventiva comunicada e sen fianza ao ex-xogador do Barça Dani Alves, acusado de violar presuntamente unha moza nunha discoteca de Barcelona o pasado 30 de decembro, ao apreciar un "elevado risco de fuga" e polos "severos" e "diversos" indicios de criminalidade.

Os maxistrados da sección terceira da Audiencia de Barcelona desestimaron desta maneira o recurso de apelación que o xogador brasileiro presentou contra o auto de prisión da xuíza instrutora que o enviou ao cárcere o pasado 20 de xaneiro.

Na súa resolución, a sala di compartir tanto coa Fiscalía como coa acusación particular que representa a presunta vítima, de 23 anos, que persiste un "elevado risco de fuga" do xogador debido á súa "capacidade económica avultada", o que lle permitiría, esgrimen os maxistrados, "abandonar España en calquera momento".

A este risco de fuga súmanse, di o auto, outros dous factores: a elevada pena que podería serlle imposta e os "diversos" e "severos indicios de criminalidade" que hai contra o xogador brasileiro nesta fase de instrución do proceso xudicial, que está xa en fase moi avanzada, segundo constata o auto.

Uns indicios incriminatorios, sostén o tribunal, que non só proceden da declaración da vítima, senón tamén doutras testemuñas, das probas médico-forenses e das científicas, entre outros.

Os maxistrados lembran, así, que precisamente un dos obxectivos da prisión provisional é a de asegurar a presenza dun investigado no xuízo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade