Publicador de contidos
Publicador de contidos

A avaricia do atracador frustra o atraco nun banco de Soutomaior

A avaricia do atracador frustra o atraco nun banco de Soutomaior

A pericia do director da oficina e a súa calma foron decisivas á hora de deter o asalto

A fotografia tirada por un veciño recolle o momento da detención do presunto atracador
G24.gal 23/02/2023 13:19

En Soutomaior non se fala doutra cousa: o intento de atraco perpetrado nunha oficina bancaria que logrou frustrarse grazas á calma do director, á rápida intervención da Garda Civil e tamén á avaricia do asaltante. Foi detido e mañá pasará a disposición xudicial. 

Unha fotografía tirada por un veciño recolle o momento da detención do presunto atracador tras intentar asaltar a oficina bancaria situada na Avenida Alexandre Bóveda de Soutomaior. Minutos antes das 2 da tarde accedeu á entidade, vestido de traxe, cunha perruca e barba falsas e xa suscitou desconfianza entre os veciños.

No interior da entidade estaban o director e un cliente. Ameazounos cunha arma simulada e atou o cliente cunhas bridas. Esixiu os cartos da caixa, e non satisfeito co botín, ordenou que lle abrise a caixa forte. Tirando de calma e valor, o director activou a alarma e distraeuno ata que chegou a Garda Civil.

As sirenas das patrullas alteraron a tranquilidade da veciñanza. A Paula sorprendérona mentres ultimaba a apertura da súa florería ao carón da oficina bancaria e levou o susto da súa vida. Andrea, que rexenta un bar a uns 100 metros, saíu correndo co balbordo.

O presunto asaltante é un ourensán de 66 anos. Permanece detido na comandancia da Garda Civil en Pontevedra. Mañá pasará a disposición xudicial en Redondela.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade