Publicador de contidos
Publicador de contidos

A cocaína comisada en Vigo oculta en melóns ía ser distribuída por narcos galegos en Europa

A cocaína comisada en Vigo oculta en melóns ía ser distribuída por narcos galegos en Europa

A Axencia Tributaria sospeitaba desde o primeiro momento que o colector que transportaba os melóns ocultaba droga

O delegado do Goberno asegura que está habendo un "tráfico inusual" de droga en Galicia e afirma que desde 2020 comisáronse 54 toneladas na nosa comunidade

Galicia vive un dos momentos máis activos desde 2017 no movemento de coca a través do Atlántico

O delegado do Goberno en Galicia e os investigadores xunto a cocaína agochada en melóns (EFE/Salvador Sas)
G24.gal 21/05/2024 11:25 Última actualización 21/05/2024 15:04

Continúa aberta a operación conxunta realizada pola policía española e portuguesa que rematou coa incautación de mil quilos de cocaína procedentes de América do Sur. Esta mañá en Vigo o delegado do Goberno, a Policía Nacional e representantes do Servizo de Vixilancia Aduaneira deron en rolda de prensa os detalles do operativo.

Explicaron que a droga foi interceptada en Vigo e Portugal respectivamente; 490 quilos foron comisados no peirao da cidade olívica camuflados no interior de melóns e os 535 quilos restantes aprehendéronse no porto luso de Sines ocultos dentro de envases de zumes.

As pescudas comezaron en Portugal e a elas sumáronse as forzas de seguridade españolas. Segundo o responsable da Policía Nacional, a droga interceptada en Sines tiña como destino o mercado luso; a aprehendida en Vigo proviña do Brasil e ía ser distribuída en España e Europa por unha organización de narcotraficantes galega con estrutura en Galicia da que prefiren non dar máis información. 

A organización dispuña dos recursos loxísticos necesarios para transportarla e de almacéns 'legais' para gardarla. A cocaína incautada tería no mercado negro un valor de 13 millóns de euros.

A Policía Nacional afirma que os narcos decidiron ocultar a cocaína no interior de melóns aproveitando que esta froita é de temporada e que neste momento do ano expórtanse desde o Brasil cantidades inxentes deste produto.

A xefa do servizo de Vixilancia Aduaneira de Vigo, Laura Piñeiro, explica como camuflaba a droga a organización:  baleiraron os melóns como se dunha cabaza se tratase, ocultaron en bolsas no seu interior a droga e, despois, envolveron a froita cun plástico para evitar que se puidese abrir.

Desde o principio, a Axencia Tributaria sospeitaba que o colector no que viaxaba a froita contiña substancias estupefacientes. "Este colector fora marcado pola Aduana de Vigo", afirma, xa que a través do escáner vese a densidade da mesma.

A Policía Nacional afirma que Galicia segue sendo "porta de entrada de droga en Europa", pero cren que "xa non é a fundamental", xa que teñen "outros portos en España" considerados de grande importancia na incautación de cocaína. 

O delegado do Goberno en Galicia. Pedro Blanco afirma que está habendo un "trafico inusual deste tipo de substancias estupefacientes en Galicia" e cifra en 54 toneladas a cantidade de droga aprehendida na nosa comunidade desde 2020.

Pedro Blanco afirma que operación é o resultado da colaboración existente entre a Axencia Tributaria, a Policía Nacional española e a Polícia Judiciária lusa. Segundo o delegado do Goberno, esta cooperación "está dando froitos" e agradece o traballo realizado polos investigadores españois e portugueses.

Ata o de agora, os axentes arrestaron tres persoas no país veciño: un dos detidos é portugués; os outros dous de nacionalidade brasileira. A operación segue aberta e non se descartan novas detencións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade