A Brancaneves 'politicamente correcta' de Disney fracasa nos cines
Polémica por elixir unha protagonista de orixe colombiana e recrear os ananos por ordenador
A estrea de 'A Sereíña' xa alporizara os mais puristas porque Ariel estaba interpretada por unha actriz afroamericana
Heroínas apoderadas triunfan na rúa, e as princesas Disney perden pulo
A estrea en cines da revisión de Brancaneves, o clásico de Disney, está a levantar críticas pola elección dunha actriz latina para interpretar a princesa e por crear dixitalmente os ananos.
A Brancaneves máis politicamente correcta chegou aos cines rodeada de polémica. O feito de recrear os ananos por ordenador alporizou o colectivo de actores, e a elección da protagonista, unha actriz de orixe colombiana, non convence a moitos. Xa pasara coa estrea da Pequena serea cunha protagonista afroamericana. A aposta pola revisión dos clásicos que está a facer a factoría Disney divide na rúa entre os que a consideran necesaria, malia que chega tarde, e os que cren que os clásicos non hai que tocalos.
Nas antípodas desta tendencia de Disney de dulcificar e actualizar os contos están os que apostan por manter a literatura tal cal foi creada, no seu contexto histórico. E o caso de Sandra Senra, de Libros para soñar, que di que "hai que ser conscientes de cando se escribiu e transmitilo así: antes a sociedade era así, entón este conto é así, e non podemos borrar dun golpe o que houbo antes na historia".
Moitos falan da 'disneyficación' dos contos, ou de como o universo Disney filtraba historias arrepiantes e as axustaban aos estereotipos idealizados da sociedade americana dos anos 50. A escritora e xornalista Andrea Valeiras fixo a súa tese de doutoramento sobre o mundo dos contos, en concreto sobre 'Alicia no país das marabillas'. Cre que "as adaptacións e interpretacións moitas veces van diso, de cambiar o punto de vista que temos habitualmente dos contos, da princesa, do príncipe, pero tamén ver que pasa do outro lado, cal é a outra visión, é darlle voz a quen nunca a tivo".
Nas librarías e nas casas, cada vez menos nenos teñen coma favoritas as personaxes de Disney. As princesas do século XXI son personaxes femininos apoderados e a novela gráfica e o cómic está a ocupar o posto dos contos tradicionais.