A caída de uralitas dende o alto dun edificio en Santiago ten en alerta a veciñanza
A caída de uralitas dende o alto dun edificio en Santiago ten en alerta a veciñanza
Os donos do edificio situado en Vista Alegre non conseguen reparar a parede por problemas de burocracia
Os veciños quéixanse de goteiras e humidades e temen un mal golpe
Quedan os restos porque boa parte da uralita do lateral foi caendo aos poucos, en cada temporal.
"Van tres veces que quitamos as uralitas da beiravía. As chapas de uralita da parede están caendo practicamente todas", explica Luís Montero, o veciño do edificio lindeiro.
Un perigo para peóns e condutores, porque o edificio está ao pé dunha estrada con bastante movemento.
"Xa estragaron coches, un deles o de meu irmá. Saltaron dende esta beiravía á de enfronte e ao medio da estrada. Sorte que foi ás dúas ou tres da mañá que non pasou ninguén. Isto é un perigo inmnente. Imaxina que cae agora unha tella, como caen", engade Luís.
Os primeiros prexudicados son os propios propietarios do edificio, enredados na terrible maraña da burocracia.
"Os propietarios da casa do lado tentaron reparalo, sacar permisos e todo pero como é de uralita que ten amianto, ten que ser unha empresa especializada", sinala o veciño.
E as empresas non van. Unhas por exceso de traballo; outras porque supostamente falta un permiso que, segundo nos din, xa non sería necesario. O caso é que os donos teñen as mans atadas e a maiores cargan co malestar dos veciños do edificio lindante, os outros afectados.
"A miña irmá cáella auga dentro e xa ten un caldeiro no chan e as uralitas que caen, están rompendo o tellado. Na parte de atrás, onde quedan aínda chapas, hai dúas vivendas e andamos pola horta", advirte Luís Montero.
Co inverno petando na porta, preocúpanlles as humidades e as goteiras, pero, por riba diso, temen que un día ocorra unha desgraza.