Publicador de contidos
Publicador de contidos

A calidade do aire segue sendo mala ou moi mala en moitos lugares de Galicia

A calidade do aire segue sendo mala ou moi mala en moitos lugares de Galicia

En xeral mellorou no litoral atlántico e empeorou en cidades do interior e zonas industrias

Sarria é o único lugar onde a calidade do aire é pésima

Consulta aquí a calidade do aire en tempo real

G24.gal 20/09/2024 19:51 Última actualización 20/09/2024 20:29

Sarria amenceu cuberta dunha especie de bruma. Foi o único lugar de Galicia onde o nivel de partículas de póo rexistradas obrigou a cualificar de pésima a calidade do aire este venres.

"Creo que as condicións son peores do que é habitual", di unha veciña.

A situación mellorou en xeral na costa atlántica, pero empeorou no interior, con nivel vermello por exemplo en Lugo ou Ourense. E como en Sarria, os incendios de Portugal tamén elevaron a mala ou moi mala a calidade do aire en zonas industrias como na área da Coruña, Arteixo, Cerceda ou Narón.

"Chegou o fume dos incendios no Canadá, como non vai chegar o de Portugal", apunta unha muller en Lugo.

En todos eses lugares mantense a recomendación de non facer actividades intensas ao aire libre, pechar as fiestras e vixiar a saúde de anciáns, nenos, embarazadas e persoas con enfermidades respiratorias ou cardíacas.

"Eu normalmente ventilo pero hoxe non o fixe", di unha muller. "Aquí os vellos só saen para mercar o pan", explica outra.

Onde xa respiran con alivio é na Mezquita despois duns días complicados.

"Tivemos incendios na Gudiña, en Castromil e en Chaguazoso e non se podía respirar. Por sorte chegou a chuvia e foi un alivio para todo o mundo", conta un comerciante da Mezquita.

Unha chuvia que os expertos contan con que permita mellorar  a calidade do aire que respiramos na maior parte de Galicia.   

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade