A campaña de vacinación avanza, con 116.000 persoas vacinadas da covid
A campaña de vacinación avanza, con 116.000 persoas vacinadas da covid
Esta semana continúa a convocatoria nos centros de saúde para maiores de oitenta
O vindeiro xoves comeza a inmunización nos grandes recintos
A piques de facer un mes do comezo da campaña de vacinación, Sanidade fai balance. Con 116.000 persoas inmunizadas contra a covid e 120.000 contra a gripe, o conselleiro, Julio García Comesaña, di que o ritmo é bo.
Esta semana aínda continúa a convocatoria mediante sms para persoas maiores de 80 anos nos centros de saúde de referencia. Ás persoas de entre 70 e 79 tocaralles a partir do xoves cando abren os grandes recintos
"Estamos moi satisfeitos. Levamos, no ámbito dos maiores de 80 anos, máis de 98.000 persoas vacinadas; polo tanto, quero agradecer o traballo dos centros de saúde, que son os que están vacinando e, por suposto, dos galegos e galegas, que son os que acoden ao chamamento".
"Tamén é certo que os sistemas de chamamento de sms axudan. Todo xunto fai que os datos sexan razoablemente bos, coma o ano pasado", di o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
O Sergas aspira a superar o 75 % da poboación diana inmunizada, coma na campaña anterior. Pretende tamén mellorar a participación na vacina antigripal dos nenos de entre seis meses e cinco anos.
Tamén prosegue a vacinación contra o virus respiratorio sincitial, que provoca a bronquiolite nos bebés, agora previa cita para que as familias poidan elixir a data que lles conveña.