A Carqueixa é recoñecida polo Proxecto MIES polo seu impacto positivo no territorio
A Carqueixa é recoñecida polo Proxecto MIES polo seu impacto positivo no territorio
Este referente no emprendemento rural agrupa máis de 200 cooperativistas dos Ancares
A maior cooperativa de produtores de carne de vacún en extensivo dos Ancares, A Carqueixa, foi seleccionada polo Movemento para a Innovación e o Emprendemento Social, unha iniciativa de ámbito estatal impulsada por Google e pola Fundación Ashoka.
Recoñécese así o labor a prol dun medio rural vivo e dunha retribución xusta para as máis de 200 explotacións que integran o proxecto.
Nos seus 30 anos de historia, a cooperativa soubo desenvolver novas formas de distribución e de comercialización dos seus produtos. Ademais de comezar a vendelos por Internet, máis recentemente abriron a súa propia carnicería na praza de abastos de Lugo.
Lucía González, responsable de vendas da cooperativa A Carqueixa: "Vendemos directamente o produto do produtor ao consumidor final, garantimos para este unha calidade superior e para o produtor un prezo digno e poñemos en valor o traballo que fai".
A Carqueixa ten a súa propia marca, denominada O sabor dos Ancares, que impulsaron canda a web homónima. O seu éxito foi tal que en cinco anos multiplicaron por catro as vendas e chegan actualmente a 800 becerros anuais.
Ademais, a cooperativa fíxose provedora dos comedores de Inditex e non deixou de recibir outros premios.
"Para nós, este recoñecemento é moi importante. Confírmanos que estamos no camiño correcto. Supón un apoderamento para os nosos gandeiros e para nós, saber que o que facemos é importante", apuntou Lucía González.
Mentres continúa a traballar para fixar poboación no rural, A Carqueixa xera tamén emprego directo e cada vez comercializa produtos máis diversos.