Publicador de contidos
Publicador de contidos

A catastrofe da DINA require consensos, por Venancio Salcines

OPINIÓN

A catastrofe da DINA require consensos, por Venancio Salcines

Venancio Salcines 11/11/2024 07:56

O Escudo Laboral falaba ben cando afirmaba que ten que protexer as empresas e os traballadores. Pero pronto se esqueceu de que máis do 90 % das empresas son ou microempresas ou pequenas. Polo tanto, o tecido español, e o valenciano tamén, obviamente é feble, ten escasa capacidade de resistencia.

Neste marco é crucial que a vicepresidenta non aprobe ningunha axuda sen un pacto previo entre patronal e sindicatos. E agora mesmo preocupan, e bastante, algunhas medidas como os permisos retribuídos indefinidos. Sendo certo que o permiso pode ser máis que necesario, non parece lóxico que entre a morea de millóns que se están articulando non exista partida asignada a cubrir, por parte da administración, o custo dos mesmos.

Pensar que as pequenas empresas da zona, con todo perdido, teñen pulmón para poder asumir os custos das ausencias dos seus empregados é descoñecer a realidade da empresa española. Esta medida só conducirá á solicitude dun ERTE xeneralizado para todo o cadro de persoal, que se irá prolongando en espera de que o empresario saiba que poderá contar con todos os seus traballadores. É dicir, este permiso, que se pon sobre as costas dos empresarios só suporá un maior custo para a administración.

Temos que asumir a excepcionalidade desta catástrofe, tanto polas súas características negativas como pola demanda da sociedade de non aplicar aquí ningún tipo de xogo político. Polo tanto, parece máis que equivocada a estratexia do ministro de Economía Carlos Cuerpo e da ministra de Facenda María Jesús Montero de meter unha parte do plan de recuperación nos orzamentos, xa que estes son sempre de parte, teñen contido político e nunca contan co consenso. Entran dentro da lóxica discrepancia política. É máis que razoable tecer un plan Valencia de carácter plurianual, levalo pactado ao Congreso, aprobalo e demostrarlle á sociedade que nos casos de maior gravidade somos capaces de recuperar o espírito do consenso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade