Publicador de contidos
Publicador de contidos

A catedral de Santiago recupera este mércores os abrazos ao Apóstolo

A catedral de Santiago recupera este mércores os abrazos ao Apóstolo

Suspendéranse no 2020 para evitar os contaxios de COVID-19

G24.gal 13/06/2023 19:29 Última actualización 13/06/2023 20:56

A Catedral de Santiago de Compostela recupera a partir deste mércores un dos seus rituais máis populares e antigos, o abrazo ao Apóstolo, suspendido desde o ano 2020 debido á pandemia por COVID-19.

A partir das 10:30 horas deste mércores, 14 de xuño, o camarín do Apóstolo Santiago quedará aberto.

Todo aquel que o desexe poderá volver cumprir coa tradición de abrazar o Apóstolo, informou esta tarde o templo compostelán nun comunicado.

Iso si, como medida de prevención, as autoridades eclesiásticas recomendan evitar bicar a imaxe e o contacto directo coa cara.

O acceso ao camarín do Apóstolo fora pechado ao público o 13 de marzo de 2020, como consecuencia das restricións derivadas da pandemia por coronavirus.

Desta forma, os primeiros en acceder este mércores serán os membros do cabido catedralicio, e a continuación quedará aberto a todos os fieis que o desexen.

A partir do xoves, o horario xeral de acceso ao camarín do Apóstolo será de 08:30 horas ata o peche da catedral, ás 21:00 horas, aínda que deberá interromperse cando coincida coa celebración da misa do peregrino no altar maior.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade