Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un dron sobrevoa sen permiso a Catedral de Santiago

Un dron sobrevoa sen permiso a Catedral de Santiago

O persoal de seguridade avisou a Policía Nacional, pero non deron localizado o operador

A normativa esixe notificar o uso de drons en espazos urbanos, cunha marxe de cinco días

G24.gal 14/10/2024 14:16

Co Obradoiro cheo de turistas, o dron apareceu por detrás da figura do Apóstolo, sen previo aviso. E despois duns cinco minutos, como veu foise. A Policía Nacional confirma que voaba sen permiso, pero do piloto, nin rastro. A normativa é clara. 

"Cos drons de menos de 250 gramos, que é cos que se adoita facer avistamentos, poden voar sobre persoas non participantes, é dicir, que non teñan coñecemento de que o dron está voando alí, sempre que haxa unha notificación antes ao Ministerio do Interior", explica Beltrán Escrivá de Romaní, operador de drons.

Cada país ten a súa propia lexislación. "No Brasil non temos ese problema. Ten limitación nalgúns espazos públicos, como estadios de fútbol ou eventos, que non está permitido", sinala un turista brasileiro.

É unha imaxe cada vez máis habitual, pero aínda descoñecida. Sobrevoan as nosas cabezas, sen saber con que fin nin quen vai aos mandos. De aí as reticencias de moitos profanos. "Non sei nada de drons pero sinto que hai algo por aí que me está controlando, sen dar permiso para nada". "Eses aparellos teñen cámaras que te poden gravar e pode ser unha intromisión á súa intimidade".

"É máis o medo ao descoñecido. Teñamos en conta que os drons por regra xeral, polas cámaras que levan, cando están a unha altura, é imposible recoñecer á xente que hai debaixo", engade Escrivá de Romaní.

Irémonos afacendo... ou non. 

"É algo habitual, algo normal. Quizais chegue, todo o mundo gravando con drons. Quen sabe?", aventura unha guía turística.

As multas por usar un dron sen permiso poden ir dende os 60 euros ata outras por riba dos 200.000 no caso de accidentes mortais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade