O custo da cesta da compra podería comezar a baixar despois do verán
O custo da cesta da compra podería comezar a baixar despois do verán
O sector agroalimentario confía en que se reduzan os custos no segundo semestre e que se reflicta no prezo dos alimentos
"A cada paso máis caros; a froita subiu que xa non se pode comprar". Estas son as queixas xeneralizadas dos consumidores sobre o prezo dos alimentos despois de que unha tormenta perfecta en forma de pandemia e da guerra en Ucraína alterara todos os indicadores económicos.
En Galicia, o custo da alimentación básica subiu un 17 % con respecto ao ano pasado e por iso, a economía de moitas familias está no límite.
As consecuencias económicas tamén chegan aos sectores produtivos, como o agrogandeiro, que se atopou co incremento descontrolado do custo das materias primas. Un 6 % das explotacións deixaron de ser rendibles e tiveron que pechar, parando de producir e provocando máis tensións no prezo dos alimentos.
"Xa non só se trata de que a cadea de produción funcione ben, e que produza máis. Non o estamos facendo porque non nos é doado, non é posible -porque moitos abandonaron porque se arruinaban-, pero primeiro que funcione e despois todo o sistema intermediario, que non quede coas marxes coas que estivo quedando", explica Hixinio Mougán, director xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA).
Dende o sector agroalimentario confían en que se moderen os custos de produción a partir do verán e que se empece a notar no peto dos consumidores.