Publicador de contidos
Publicador de contidos

A China e o conflito de Gaza impulsan o prezo do petróleo, por Venancio Salcines

OPINIÓN

A China e o conflito de Gaza impulsan o prezo do petróleo, por Venancio Salcines

G24.gal 08/04/2024 07:59

Todos os mercados están suxeitos a forzas e segundo o nivel das mesmas os prezos escollen unha dirección ou a contraria. No caso do petróleo, esta lóxica é máis que evidente. Nun lado temos un cártel liderado por Arabia Saudita e Rusia; ás súas costas, Emiratos Árabes, sempre preto das políticas de Ryad, e outras nacións como Iraq, Kazakhstán ou Alxeria. O obxectivo é xerar un exceso de demanda, e como esta non crece segundo o estimado, deciden reducir a súa produción.

Na parte contraria, Os Estados Unidos, O Brasil, O Canadá e Güiana. Ata agora os incrementos de produción destas catro nacións compensaban as reducións, A consecuencia? Unha caída dos prezos. Que está a pasar agora que non pasaba antes? Dúas novas variables no mercado, que pola súa importancia, chamaron a atención dos especuladores.

A primeira variable é unha hipotética entrada de Irán no conflito de Gaza. Se a guerra se expande á terra dos aiatolás, con toda seguridade sufriría o estreito de Ormuz e con isto, o trafico mundial de petróleo. As consecuencias serían nefastas, os prezos sufrirían unha escalada nunca vista no mercado do petróleo. Non é sinxelo que isto poida pasar, pero é máis probable hoxe que onte e isto repercute nas posicións dos especuladores.

A outra é unha hipotética mellora da China. O xigante mundial estaba adormecido e con poucos sinais de alegría económica. Hai unhas semanas coñecemos que a produción industrial medrou, en xaneiro e febreiro, por enriba do 7 % interanual, cando estaba estimado un crecemento dun 5 %. O que nos leva a pensar que a recuperación chinesa está máis cerca que lonxe. Polo tanto, hoxe son máis os que pensan que o mercado vai situarse na escaseza de oferta e, polo tanto, apostan a subas nos mercados de futuros, fortalecendo a demanda e provocando incrementos de prezos.

Ata cando durará esta situación? Non se sabe, o conflito bélico en Gaza está vivo e sen escenarios de paz no horizonte, e A China parece que está a recuperarse da crise sanitaria. O que si sabemos é que Rusia e Arabia Saudí se encontraran cómodos nos cen dólares o barril. Chegaremos a eles? Todo é posible.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade