A Comisión Europea analiza a legalidade das prórrogas da peaxe na AP-9
A Comisión Europea analiza a legalidade das prórrogas da peaxe na AP-9
A asociación de usuarios que denunciou as concesións reclama transparencia
A Unión Europea continúa a estudar se a prórroga das peaxes da autoestrada do Atlántico ata 2048 é legal ou non. A asociación de usuarios que denunciou esta situación pide transparencia ao Goberno central para que dea a coñecer as alegacións que fan que hoxe a AP-9 continúe sendo de pago vinte e cinco anos máis.
No mes de agosto entraba en vigor unha nova prórroga para manter as peaxes na autoestrada do Atlántico, ata 2048, despois de que gobernos anteriores do PSOE e do PP aprobaran sucesivas ampliacións do pago. Unha asociación de usuarios denunciou esta situación hai dous anos diante da Comisión Europea e dá por feito que xa se empezou a estudar a legalidade destas prórrogas.
"Se iso fose destino de arquivo habíano comunicar. Entendemos que a valoración pola Comisión Europea e os equipos xurídicos están analizando os incumprimentos que nós establecemos das ampliacións da concesión", mantén Diego Maraña, presidente da asociación En Colectivo que trasladou o caso a Bruxelas.
A asociación de usuarios cuestiona a legalidade destas prórrogas, xa que entenden que non se someteron a concurso público. Porén, reclaman que se fagan públicas as alegacións que o Goberno central presentou na comisión europea para seguir mantendo o pago na AP-9.
"O Goberno de España non nos trasladou o contido desas alegacións. Hoxe escoitei a Ana Pontón dicir que o apoio de Galicia hai que gañalo. Eu pediríalle a Ana Pontón e aos políticos galegos que esixan ao Goberno de España transparencia no contido desas alegacións", reclama o presidente de En Colectivo.
Malia que a empresa concesionaria, Audasa, anunciou unha indemnización milmillonaria en caso de que declarasen ilegais as peaxes, o colectivo de usuarios mantén que a contraprestación debería ser menor, dados os enormes beneficios, un de cada tres euros, que aseguran que recada a autoestrada en cada exercicio.