A confraría de Noia comeza a sementeira de ameixa babosa do seu criadeiro
A confraría de Noia comeza a sementeira de ameixa babosa do seu criadeiro
Despois de máis dun ano de engorde na planta de Outes e na batea, toca soltar a cría ao mar
Seméntana para rexenerar os bancos da confraría e manter o recurso para o futuro
O proceso comeza nunha batea na que se atopan os exemplares que se van usar para a sementeira. Despois de medio ano engordando nas profundidades, os traballadores levantan as estruturas e pasan as ameixas aos canastros. Toda esta semente naceu no criadeiro que a confraría ten en Outes.
"Vén todo do criadeiro. Quitamos pais e nais dos nosos bancos, os biólogos fan larvas, semente, aliméntanas un tempo e logo van ao engorde na batea", comenta Santiago Cruz, patrón maior da confraría de Noia.
"Chegan con 2 milímetros á batea e saen con 12 ou15, o talle recomendado para sementar, cando xa ten a cuncha máis dura", explica Antonio Rama, biólogo do criadeiro.
A estrutura, de bandexas apilables envoltas cunha rede, permite que a cría se alimente sen correr riscos. Ao estar fonda tampouco padeceu o exceso de auga doce do inverno. Agora é o momento de que sobreviva en condicións naturais.
Hoxe van sementar un millón e medio de unidades de ameixa babosa, unha das especies que máis descendeu nos últimos anos. Despois do tempo de engorde na batea, xa ten o tamaño suficiente para se defender dos depredadores.
Bótana a eito desde os barcos sobre os bancos marisqueiros menos produtivos. A idea é repoboar antes de que se esgote o recurso.
"Queremos axudar a rexenerar os bancos, aumentar un pouco a produción e, sobre todo, ter futuros reprodutores no medio", engade Antonio Rama.
"Isto da sementeira é para axudar, todo depende do desove natural que fagan os reprodutores nos bancos de Noia, e que haxa unha boa climatoloxía", di o patrón maior.
Agardan que desta volta a natureza axude, e que a cría chegue a adulta despois de dous anos catastróficos para os 1.400 mariscadores da ría de Muros e Noia.