Sanidade agarda nos próximos días o pico da gripe e nega colapso nas urxencias
Sanidade agarda nos próximos días o pico da gripe e nega colapso nas urxencias
As autoridades sanitarias recomendan a vacinación. O Sergas cifra en case 800 os hospitalizados e advirte de que a inmensa maioría non estaban inmunizados
Aconséllase o uso da máscara ante calquera síntoma de virus respiratorio para evitar os contaxios
A venda de tests da gripe e a covid multiplícase por dez nas farmacias galegas
Os modelos preditivos de saúde pública apuntan que durante esta semana se chegará "ao pico de contaxios de gripe" e que tanto esta semana como a que vén "haberá bastante demanda asistencial en todos os servizos de urxencias tanto de primaria como dos hospitais".
O director xeral de asistencia sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, explica nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega que neste momento hai entre 700 e 800 persoas hospitalizadas con gripe. Apunta Aboal que "a inmensa maioría das persoas que están máis apuradas, ingresadas e nas UCI, son persoas que non se vacinaron".
O director xeral de asistencia sanitaria do Sergas lembra que a campaña de inmunización aínda está aberta e aconsella que os que non se vacinaron se protexan, sobre todo, di, persoas maiores e con enfermidades crónicas.
Admite Aboal que as urxencias en adultos seguen á alza, pero afirmou que Sanidade ten plans de continxencia preparados en todos os hospitais. O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas explicou que "cada hospital ten o seu plan de continxencia con todos os servizos implicados nas ondas da gripe. Vanse vendo as estruturas que hai arredor de urxencias. Vaise secuenciando o aumento de recursos humanos e por outra parte vanse secuenciando tamén a utilización de novos recursos asistenciais dedicados ao proceso de ingreso desde urxencias para ter capacidade de resposta".
"Aquí en Galicia non hai colapso"
Desde o Sergas admiten que nos servizos de urxencia, ante o aumento dos casos, estanse a producir "picos de demanda" que provocan que moitos pacientes teñan que esperar, polo que piden desculpas. Con todo, asegura Aboal, "cando unha persoa chega cunha patoloxía grave e que precisa asistencia sanitaria de xeito inmediato, préstaselle".
Di que o que se está a producir é "unha demora dos casos máis banais, nunca se produce unha paralización. Eu escoito falar de colapso nas urxencias e aquí en Galicia non hai colapso, non houbo ningún colapso e espero que non o haxa. Colapso en urxencias é cando unha ambulancia para nun hospital e se lle di que vaia a outro. Isto aquí en Galicia nunca pasou".
Desde o Sergas aconsellan acudir aos centros sanitarios só cando sexa estritamente necesario e cando o paciente ten patoloxías previas, caso de problemas cardiovasculares, ou non pode respirar.
"Se non falta capacidade de respirar, pódese pasar a gripe na casa tranquilamente. Se hai problemas cardiovasculares ou respiratorios, entón o aconsellable é ir aos puntos de atención continuadas, os PAC, de onde se nos derivará a urxencias hospitalarias se é necesario", afirma Jorge Aboal.
O director xeral de asistencia sanitaria insiste na recomendación de usar a máscara nos centros sanitarios e nos hospitais e aconsella empregala na casa ou no traballo cando se ten algún síntoma respiratorio. Ademais recomenda ter unha boa hixiene de mans para evitar o contaxio doutros virus que están a circular e que afectan o estómago, como as gastrites víricas.