A decoración do Nadal é cada vez máis natural e ecolóxica co uso de plantas e flores
A decoración do Nadal é cada vez máis natural e ecolóxica co uso de plantas e flores
Os negocios de plantas e flores viven unha das súas mellores épocas do ano
O negocio do Nadal xa arrincou en outubro para profesionais da decoración de interiores e os seus encargos. Pero agora, a un mes da Noiteboa, comezan as vendas a particulares. Seica cada vez os clientes saben mellor o que buscan dentro da tendencia máis natural e ecolóxica que está en alza, como nos conta a responsable de Viveiro O Piñeiro de Pontevedra Romina Garrido.
"Cada vez son máis os que buscan un aspecto máis natural, produtos que poden articular unha decoración ben sexa en grilanda, ben sexa en centros, incluíndoa na propia árbore de Nadal. Os clientes son máis esixentes e veñen máis informados e pedindo cousas máis específicas".
Malia a variedade, o clásico imbatible é a poinsetia, coas súas follas vermellas, aínda que cada vez as hibridacións fan posibles máis cores e mesmo usalas na decoración de exteriores cunha especie de curmá, a prinsetia. Calquera dá mellor resultado se é de produción local.
"A poinsetia traballámola de produción local, con certificado Galicia Calidade, e iso consegue unha planta que está afeita ao noso clima, aguanta moi ben e dura".
Clásicos son tamén os ílex, as pólas de abeto, os piñeiros e o visgo, cada vez máis usados debido ás súas coloridas bagas para todo tipo de arranxos como coroas ou centros de mesa xunto aos cactos de Nadal ou o eléboro, tamén chamado rosa de inverno. Especies silvestres como o acivro, o musgo e o ílex está prohibido arrincalas no monte.
"Cando imos comprar estamos falando de producións controladas, cun pasaporte e cun control. O mofo que se usa cada vez máis para centros ten que ser mofo de produción controlada".
A decoración vexetal do Nadal ten a vantaxe de que podemos desfrutala todo o ano.