A delincuencia aumenta en Galicia un 32,5 %
A delincuencia aumenta en Galicia un 32,5 %
Débese ao incremento dos homicidios dolosos e dos asasinatos en grao de tentativa
A delincuencia aumentou en Galicia no primeiro trimestre do ano, xa que se cometeron un 32,5 % de infraccións penais máis que no mesmo período de 2021. A nosa comunidade sitúase así catro puntos por riba da media nacional do 28 %, debido sobre todo ao aumento dos homicidios dolosos e asasinatos en grao de tentativa.
Entre as 24.475 infraccións penais que se produciron en Galicia entre xaneiro e marzo, fronte ás 18.487 do mesmo trimestre do ano pasado, destaca o incremento nun 128,6 % dos homicidios dolosos e asasinatos en grao de tentativa, que pasaron de 7 a 16. Tamén se duplicaron os delitos graves e menos graves de lesións e rifa tumultuaria, un 99,3 % máis, de 141 a 281.
Os delitos contra a liberdade e indemnidade sexual aumentaron en Galicia máis que na media nacional, unha 25,8 % fronte ao 21,6 % estatal, ata os 166. Así mesmo, destaca o incremento dun 65,8 % en roubos con forza en domicilios, establecementos e outras instalacións, cun total de 1.046 fronte aos 631 do primeiro trimestre de 2021
Por provincias, na Coruña o incremento da delincuencia foi do 34,6 %, en Lugo foi dun 23,5 %, en Ourense dun 28,1 % e en Pontevedra dun 33,3 %. As cidades en que máis incrementaron estas infraccións foron as de Ferrol, un 56,3 % e Lugo, un 48,7 %. Aínda que son A Coruña e Vigo as que rexistran un maior número de delitos. Pero hai municipios que superan a taxa de crecemento, como o da Estrada onde se duplicaron un 100 %, Ames cun 61,1 % e O Porriño cun 60,2 %.