Tomé, relixido presidente da Deputación de Lugo, primeira das galegas en constituírse
Tomé, relixido presidente da Deputación de Lugo, primeira das galegas en constituírse
O socialista repite mandato cos votos dos deputados do seu grupo e os do BNG
En Lugo constituíuse este venres a nova corporación da Deputación Provincial. O socialista José Tomé repite mandato cos votos do PSdeG e do BNG. Os deputados populares votaron en contra do nomeamento.
É a primeira das catro deputacións galegas que se constitúe tras as últimas eleccións municipais. A seguinte será a de Pontevedra, a mediados de xullo, e para máis adiante quedan A Coruña e Ourense.
A corporación provincial de Lugo celebrou o pleno de constitución, unha sesión en que o socialista José Tomé foi reelixido como presidente da Deputación Provincial para os próximos catro anos, grazas ao apoio do BNG, co que asinou esta mesma mañá o acordo para conformar de novo un goberno de coalición.
As eleccións locais do pasado 28 de maio deixaron unha corporación provincial con igual distribución de forzas que os comicios de 2019, de modo que o Partido Socialista ten dez deputados provinciais, por tres do BNG e doce do Partido Popular, que non logrou sumar a maioría absoluta.
Partido Socialista e BNG reeditan de novo un goberno bipartito presidido por José Tomé, que foi o candidato elixido polo PSdeG para volver encabezar a Deputación de Lugo, mentres que a vicepresidencia será ocupada polo nacionalista Efrén Castro, que substitúe no cargo a Maite Ferreiro.
O Partido Popular, que quedou a un deputado de sumar a maioría absoluta, volverá exercer a oposición na corporación provincial, neste mandato co deputado Antonio Ameijide -de Lugo- como portavoz do grupo provincial.
José Tomé dixo aos medios de comunicación que está a vivir un “momento moi ilusionante, persoalmente, pero tamén como partido”, porque “este é o resultado de gañar as eleccións municipais, de recibir o apoio maioritario dos cidadáns da provincia de Lugo, porque o PSdeG segue gobernando á maioría da poboación”.
“Neste caso, en coalición co BNG, gobernamos tamén a institución provincial, do mesmo xeito que fai catro anos. É darlle continuidade a un proxecto que comezamos fai catro anos e que foi positivo para a provincia, como así o testemuñaron os veciños co seu voto, a pesar do tempo político que nos toca vivir, polo que para min ten máis valor”, engadiu.