Publicador de contidos
Publicador de contidos

A directora da Escola de Camiños cre que posibles filtracións de auga corroeron os cordóns de pretensado na A-6

A directora da Escola de Camiños cre que posibles filtracións de auga corroeron os cordóns de pretensado na A-6

Isabel Martínez sostén que "cando hai un accidente sempre é por varias causas, non por unha soa"

G24.gal 17/11/2022 10:05

O Ministerio de Transportes deu a coñecer esta semana un informe no que se determinan as causas que provocaron o colapso do viaduto do Castro da Autovía A-6. A xuízo da directora da Escola de Camiños, Canles e Portos da Coruña, Isabel Martínez, "cando hai un accidente sempre é por varias causas, non por unha soa".

Nunha entrevista no Galicia por diante, Martínez explicou que os "cordóns de pretensados corroéronse máis do habitual" por "posibles filtracións de auga". 

"Debía haber algunha xunta que foi permitindo a filtración. É unha zona de moita neve, cando hai neve bótase sal e para o formigón a neve non é o mellor e tampouco a auga para o aceiro. Probablemente esas foron as causas".

O Ministerio de Transportes traballa xa na reparación desta infraestrutura. Calcula que o viaduto sentido Madrid estará operativo no segundo semestre de 2023 e o que colapsou estará rematado previsiblemente no primeiro semestre de 2024. 

Segundo a directora da Escola de Camiños da Coruña, "as pías de cimentación están ben e por tanto van quedar as iniciais pero o taboleiro do viaduto volverase a executar tanto do lado que caeu coma do outro".

Isabel Martínez cre que non influíu no colapso o feito de que a ponte se fixese con pezas prefabricadas de formigón.

"Temos moitas pontes de estrutura prefabricada en España e ningunha colapsou, nin teñen corrosión, nin hai que rehabilitalos ou facer ningunha actuación. Penso que aquí concorreron un cúmulo de cousas e cando isto ocorre temos un accidente. Non foi por calcular algo mal ou por desleixo por parte do Ministerio. Foi un cúmulo de cousas e con iso chegamos ao colapso".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade