A división de Sumar e Podemos daríalle o Goberno ao PP con Vox
A división de Sumar e Podemos daríalle o Goberno ao PP con Vox
Segundo a enquisa de El País, se Sumar e Podemos acudisen en solitario, o PP, con 132 escanos, e Vox, con 45, poderían sumar ata 177 escanos, un máis que os necesarios para a maioría absoluta
La Razon di que o Partido Popular obtería entre 145 e 147, pero podería conseguir a maioría para gobernar se sumase os 39 a 41 parlamentarios que a enquisa dá a Vox
Enquisa El País: O PP gañaría as xerais pero non podería gobernar se Sumar integra a Podemos
O PP gañaría as eleccións xerais do 23 de xullo cuns 131 escanos, pero non podería gobernar nin con Vox se Sumar integrase a Podemos na súa candidatura, segundo a enquisa de 40dB que publica hoxe o diario EL País.
No caso de unidade de ambos os partidos de esquerda, a sondaxe dá uns 38 escanos ao partido de Santiago Abascal, polo que a suma de PP e Vox quedaría nos 169 parlamentarios, por baixo da maioría absoluta, que se sitúa en 176 no Congreso dos Deputados.
A enquisa de 40dB manexa dous escenarios posibles, dependendo de se a esquerda acode unida ás urnas ou se se presenta por separado.
Se Sumar, o proxecto que lidera Yolanda Díaz, e Podemos acudisen en solitario, o PP, con 132 escanos, e Vox, con 45, poderían sumar ata 177 escanos, un máis que os necesarios para a maioría absoluta.
Neste escenario, o PSOE quedaría en 111 deputados, Sumar tería 22 e Podemos 3, é dicir, un total de 136 escanos.
Pero se concorresen xuntos Sumar e Podemos, o bloque da dereita quedarían en 169 parlamentarios.
Aínda que tivese o apoio dun deputado de UPN, PP e Vox situaríanse a seis escanos da maioría absoluta. Neste caso, PSOE e Sumar lograrían un total de 148 parlamentarios.
El País destaca que, neste escenario, o líder do PSOE, Pedro Sánchez, podería saír investido por maioría simple (máis sis ca nons) se en segunda votación lograse o apoio doutros 23 deputados.
Segundo a sondaxe, ERC tería nove deputados, Junts oito, PNV seis e Bildu catro.
A sondaxe, cunha mostra de 800 entrevistas, realizouse entre o 31 de maio e o 1 de xuño, é dicir, días despois dos comicios autonómicos e municipais nos que o PSOE perdeu gran parte do seu poder local e rexional.
Enquisa La Razón: O PP obtería entre 145 e 147 escanos e o PSOE de 94 a 96
O Partido Popular obtería entre 145 e 147 escanos nas eleccións xerais e o PSOE entre 94 e 96, segundo a enquisa de NC Report que publica hoxe luns na súa portada o diario La Razón.
O PP de Alberto Nuñez Feijóo lograría o 34,6 % dos votos, fronte ao 23,3 % do PSOE.
Con estes datos, o Partido Popular estaría lonxe da maioría absoluta no Congreso dos Deputados, situada en 176 escanos, pero si que a podería lograr se sumase os 39 a 41 parlamentarios que a enquisa dá a Vox (o 14,3 % das papeletas).
Desta forma, o PP e o partido de Santiago Abascal sumarían un mínimo de 184 escanos e un máximo de 188 parlamentarios.
Esta enquisa de NC Report foi elaborada o 5 de xuño, é dicir, despois das eleccións autonómicas e municipais do 28 de maio.
Nas eleccións de 2019, o PP logrou 89 escanos, polo que subiría entre 56 e 58 escanos; o PSOE tivo 120 e baixaría 24-26, e Vox 52, que tamén baixaría entre 11 e 13 escanos.
O proxecto político de Sumar, que encabeza Yolanda Díaz, tería o 10,5 % das papeletas e moveríase na franxa de 24-26 escanos, mentres que Podemos, en caso de concorrer en solitario, obtería de 2 a 3 parlamentarios e o 4,2 por cento dos votos.