A dixitalización mellora a reconstrución dos accidentes de tráfico
A dixitalización mellora a reconstrución dos accidentes de tráfico
A Garda Civil recrea os accidentes sobre escenarios en tres dimensións
O sistema EDR, que será obrigatorio, serve para obter información previa
As reconstrucións dos accidentes de tráfico son cada día máis exactas grazas ao avance tecnolóxico co que traballan os departamentos de tráfico especializados.
A petición dun xulgado, os axentes elaboran informes con recreacións en tres dimensións da estrada e dos coches implicados ou calculan con simuladores a velocidade e a freada nas colisións.
Poden pasar anos antes de que se resolvan as investigacións dos accidentes de tráfico máis graves e complexos. Pero hoxe en día iso non significa que o paso do tempo impida unha reconstrución detallada milimetricamente.
"Con independencia dos propios programas de simulación e reconstrución que empregamos habitualmente, estamos engadindo todo o que é o uso da fotogrametría e ferramentas que nos permiten modelizar un escenario ou vehículos en 3D. Mediante o uso de drons podemos captar imaxes aéreas e a partir de aí crear unha nube de puntos e unha malla pechada. Automaticamente traballamos sobre eses escenarios en 3D", detalla Juan Francisco Cocaña, xefe do Departamento de Investigación e Reconstrución de Accidentes de Tráfico.
No mes de xullo entra en vigor un regulamento da Unión Europea que obrigará a instalar progresivamente nos coches un sistema EDR, o que moitos coñecen como caixa negra pero que é un dispositivo do fabricante para controlar a seguridade do coche. Este aparello contén moita información en caso de accidente.
"Eses datos que para o fabricante teñen unha función concreta a nós facilítannos coñecer a fase de preimpacto, que é o que sucedeu nos cinco segundo previos: aceleracións, deceleracións, xiros de volante, cambios de velocidade... Iso para nós é importantísimo".
Os departamentos de investigación e reconstrución traballan desde Madrid e Mérida e fan informes a petición dos xulgados de calquera provincia.