A eira dunha casa en Dumbría convértese en piscina cando chove tras a remodelación dun camiño
A eira dunha casa en Dumbría convértese en piscina cando chove tras a remodelación dun camiño
A veciña prexudicada quéixase de inacción do alcalde ante un problema que a pon "en situación extrema" cando chove
Os días de chuvia póñenlle a vida en situación extrema. É como define esta circunstancia Loli, unha veciña da Carballa, no Concello de Dumbría. Explica que, desde que o Goberno local ampliou a pista do lugar, a súa eira se converte nunha piscina cando chove. E iso porque na obra pública non deixaron drenaxes en condicións.
Leva anos soportando o problema e as consecuencias graves das filtracións para as súas construcións. Di que no Concello nin lle fai caso nin reparan a obra mal feita.
"Non sei por que o Concello non o repón. O que si sei é que estou silenciada, que non me responden ningún escrito desde hai moitos anos. Isto vén de 2008, cando xa empecei cos escritos para que solucionasen os problemas das augas", di Dolores Trillo Pérez, dona da propiedade asolagada.
Ante o prexuízo que supón ter as casas rodeadas de auga e se iso se debe a unha obra pública mal feita, como explica a veciña, preguntamos o porqué da inacción do Goberno municipal ante as súas queixas: "Porque estou soa, non teño apoio de ninguén, estou no paro e non sei por que, pero son silenciada. Sempre intentei unha boa comunicación co Concello e arranxar as cousas polas boas", di esta veciña da Carballa.
Lembra Loli que segue á espera da contestación municipal, entre outras, á solicitude de licenza pola que en xuño pediu permiso para canalizar a evacuación da auga da eira. Tamén sinala que no mes pasado tivo que pedir a axuda da Garda Civil en tres ocasións polo problema que lle deixaron pegado á casa.