A escaseza de auga obriga a cortar a traída nunha aldea de Vilar de Barrio
A escaseza de auga obriga a cortar a traída nunha aldea de Vilar de Barrio
Os mananciais que abastecen a Padreda e as fontes secaron xa en maio
Dende principios de ano ata hoxe, na Limia caeu un cuarto de auga do normal
Preocupación en Padreda, no concello limiao de Vilar de Barrio, pola escaseza de auga que están tendo xa en maio; a fonte non ten nin pinga de auga porque secaron os mananciais, un problema que tiñan en agosto pero nunca neste tempo.
O concello tivo que cortar a auga da traída durante tres días, os veciños que peor o pasaron son os que non dispoñen de pozos particulares.
Dende o concello de Vilar de Barrio aproveitaron o corte para limpar as dúas captacións e repoñer un traxecto de mangueira ata o depósito para que baixe máis auga á aldea pero esta, din, é unha solución temporal. O que cómpre é que chova, na Limia no que levamos de ano caeron un cuarto das precipitacións do que sería o normal.
Malia que se repuxo a subministración, o concello pediulle á veciñanza que non regue nin laven coches coa traída para ir mantendo o fío de auga que queda nos mananciais. Temen que no verán, cando a poboación de Padreda se multiplica por seis, o problema sexa realmente grave.
O concello de Vilar de Barrio está buscando financiamento para poder facer unha obra que permita traer a Padreda a auga dende outros mananciais da serra de San Mamede que de momento non teñen escaseza.