A escola de canteiros de Poio ofrece catro novas titulacións para o vindeiro curso
A escola de canteiros de Poio ofrece catro novas titulacións para o vindeiro curso
Incorpora un ciclo básico, dous duais e un de alta especialización de traballo en pedra natural
A mocidade galega busca na Formación Profesional a pasarela máis directa cara á súa primeira oportunidade laboral. Nos últimos quince anos aumentou nun 75 % o número de persoas matriculadas nos centros que imparten estes estudos.
En Galicia a oferta é cada ano máis ampla: 1.560 ciclos. Tamén o alumnado, 65.000 na actualidade. Un dos maiores atractivos é a inserción laboral, que supera o 85 % e o 97 % no caso concreto da FP dual.
Os ciclos de alta especialización, con trece novos para o vindeiro curso 2024-2025, son a aposta da nova FP galega.
A partir de setembro, a Escola de Cantería de Poio, reconvertida nun centro integrado de FP, impartirá catro novos módulos. Así que cen alumnos poderán obter novas titulacións homologadas cando ata o momento eran títulos non formais.
Ademais dun ciclo básico e duais, a Consellería de Educación ofrece un ciclo de alta especialización, un ciclo medio en traballo en pedra natural.
"Estamos implementando unha senda para converter a antiga escola de canteiros de Poio no centro de referencia das familias profesionais de edificación civil e de traballos en cantería e pedra. Este novo centro vai comezar o próximo curso cunha oferta de cen alumnos. A idea é, de xeito progresivo chegar ata os 300 alumnos, e convertelo no centro de referencia para estas familias profesionais", explica a TVG Román Rodríguez, o conselleiro de Educación, Universidades e FP.
Dar servizo á demanda das empresas de profesionais con destreza no traballo da pedra e ao tempo recuperar e potenciar o oficio de canteiro.
"Combinar esa tradición coas novas tecnoloxías, a formación tamén en edificación e construción xeral pero mantendo a tradición. Que o alumnado que pertence a esta escola, dentro duns anos cando remate o ciclo, poderá ter unha titulación académica e tamén coñecemento, o saber facer no mundo, entre outras cousas, da pedra e da cantería", engade Eugenia Pérez, a Directora Xeral de FP.
Porque o oficio de canteiro, tan identitario en Galicia, o país do románico, ata agora con pouca remuda xeracional.