A especialización e o trato persoal coa clientela manteñen as mercerías de toda a vida
A especialización e o trato persoal coa clientela manteñen as mercerías de toda a vida
A Casa das Medias, en Ordes, leva aberta desde 1928
O mostrador e os estantes orixinais de madeira de 1928, ancorados ao chan, son os tesouros dunha desas mercerías de toda a vida que encontramos en Ordes e que a familia conserva intactas como homenaxe ao avó, que a fundou.
Non son as únicas xoias. As caixas rotuladas en pesetas gardan botóns e corchetes que xa non se venden, son recordos familiares para Ana, terceira xeración da Casa das Medias. Pero manter aberto un negocio durante 95 anos require, máis que recordos, moito traballo e enxeño. Ela, á fronte os últimos 18 anos, deu coa clave: a especialización nos suxeitadores para mulleres curvilíneas.
Fanlle pedidos desde A Mariña de Lugo, o interior de Ourense, de Pontevedra. Para suxeitadores, o público que máis chama é de Andalucía. Para pixamas e bragas clásicas, desde Barcelona.
Ademais do clásico boca-orella das clientas satisfeitas, Ana soubo adaptarse aos tempos e aproveitar as redes sociais, con miles de visualizacións dos seus vídeos nos que explica, por exemplo, como colocar un suxeitador.
Ten menos clientela presencial que hai 30 anos pero constata unha tendencia cada vez maior á calidade e á boa confección que fai achega´r a xente nova ao comercio tradicional. Por iso é optimista cun futuro que axiña será centenario.