Publicador de contidos
Publicador de contidos

Á espera de que se abra o prazo de reserva das viaxes do Imserso

Á espera de que se abra o prazo de reserva das viaxes do Imserso

Está  previsto para a segunda quincena de setembro

G24.gal 06/09/2023 21:23 Última actualización 06/09/2023 21:49

O prazo de solicitudes para o programa do Imserso rematou en xullo. Na segunda metade de setembro deberían coñecerse datas e destinos para facer as reservas. 

Fernando Carrasco, director da axencia Viaxes Ría do Burgo, explica: "Agardamos que a mediados ou finais de setembro comecen a chegar as cartas e a partir de aí comezaremos a tramitar todas as viaxes que poida haber. Aínda non temos moita máis información e esperemos que se cumpran os prazos".  

Porén acaba de comezar o mes e hai colectivos que xa dan por feito un posible atraso. É o caso da Asociación Sociocultural de Viaxes do Imserso de Galicia, que lembra o acontecido en anos anteriores.

"Xa é repititiva, porque se concede un concurso e os demais reclaman e nós á espera de que se resolva", di Xoan Xosé Loxo, presidente da Asociación Sociocultural de Viaxes do Imsersco - Asovim Galicia, que aglutina persoas usuarias deste programa de vacacións.

O programa do Imserso tramítase por concurso público e o habitual, tamén este ano, é que as empresas non adxudicatarias presenten recurso ante o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais.

Este procedemento é o que pode dilatar os prazos. O director de Viaxes Ría do Burgo apunta: "Cando o concurso é adxudicado é cando se decide cal vai ser a empresa que se fará cargo do Imserso, e é esta a que decide cales son as prazas e os destinos".

Na asociación Asovim sinalan: "No caso de que ese procedemento tarde máis de tres meses xa nos metemos en novembro e, pregunto, quen vai poder viaxar a partir de novembro a eses hoteis en pleno inverno?".   

Está por ver o que aconteza este ano. Mais a asociación Asovim reclama que, con carácter xeral, se adiante a data do programa para garantir que as viaxes do Imserso se poidan realizar en tempo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade