Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Estratexia Galega de Mobilidade, por María Loureiro

OPINIÓN

A Estratexia Galega de Mobilidade, por María Loureiro

G24.gal 07/05/2024 08:00

O Goberno galego deu luz verde este luns á Estratexia de Mobilidade, que ten como horizonte 2050 e presenta varios fitos baseados na pirámide invertida da mobilidade. A estratexia é ambiciosa e ten por obxectivo que o 30 % dos desprazamentos non estean motorizados en 2030 ou que o 90 % da poboación estea a menos de 30 minutos do seu centro sanitario de cabeceira en 2040 e que nesa mesma data toda a poboación teña ao alcance de 15 minutos unha vía de altas prestacións. A estratexia mobilizará 420 millóns de euros, dos cales a metade corresponde á administración autonómica e o resto entre a do Estado e as administracións locais, que tamén están implicadas.

O documento recolle un cento de medidas que teñen como obxectivo reducir as necesidades de desprazamento, reducir a distancia dos traslados, as emisións contaminantes e os accidentes de tráfico. Nesta liña, outro dos obxectivos busca alcanzar as emisións cero no transporte de mercadorías en 2050. Estas actuacións están relacionadas cun plan director de estradas, que está dotado con 1.538 millóns de euros, e o plan de transporte público, con 650 millóns.

Principais medidas

Entre as medidas máis destacables resalta, en primeiro lugar, a redacción do Plan Director de Infraestruturas da Mobilidade Sostible de Galicia, que permitirá planificar e coordinar entre administracións as actuacións de sendas peonís e ciclistas ou puntos de intercambio modal. Para o impulso da mobilidade non motorizada, inclúe medidas para fomentar o uso de vehículos de mobilidade persoal, como axudas para a compra de bicicletas ou a execución de aparcamentos seguros para este tipo de vehículos, especialmente nas intermodais, xunto coa elaboración dun plan de transporte ao traballo para fomentar ir en transporte público.

Neste sentido, o conselleiro de Presidencia referiuse tamén á necesidade de impulsar zonas de baixas emisións nas cidades, facer posible un billete combinado de bus-barco-tren, mellorar o desenvolvemento de aplicacións para que o usuario coñeza a chegada do seguinte medio de transporte ou mellorar o transporte de ría, xunto con medidas como son as sendas peonís, aparcamentos disuasorios ou ampliar a rede de recarga de vehículos eléctricos. Así mesmo, seguirase impulsando a construción de aparcamentos disuasorios tanto no rural como nas contornas metropolitanas, e habilitar camiños escolares seguros para que os mozos poidan ir a pé ao colexio.

Por outra banda, apostarase por facilitar o acceso á alta velocidade ferroviaria desde as principais cidades galegas e a mellora dos servizos de ferrocarril de proximidade. Ademais, estudarase a posibilidade de ampliar o transporte de ría a outros puntos de Galicia, como Ferrol ou Muros. Outra das medidas será implantar zonas de baixas emisións para reducir o uso de vehículos contaminantes, elaborar un plan de transporte ao traballo para fomentar ir en transporte público ou ampliar os puntos de recarga rápida de vehículos eléctricos nas estradas.

Contexto

Descarbonizar o sector do transporte é fundamental para alcanzar os obxectivos climáticos da UE. As normas da UE teñen por obxecto facer que a mobilidade sexa máis sostible, garantindo ao mesmo tempo a conectividade en toda a UE. Neste sentido, os países membros están a aprobar as súas propias estratexias de mobilidade sostible. Neste sentido, o Consello de Ministros, con data de 30 de abril, aprobou a Estratexia Española de Mobilidade Sostible (EEMS). Esta estratexia xorde como marco de referencia nacional que integra os principios e ferramentas de coordinación para orientar e dar coherencia ás políticas sectoriais que facilitan unha mobilidade sostible e baixa en carbono.

Entre as medidas previstas, préstase especial atención ao fomento dunha mobilidade alternativa ao vehículo privado e o uso dos modos máis sostibles, sinalando a necesidade de coidar as implicacións da planificación urbanística na xeración da mobilidade. Con arranxo ao Acordo de París, os países da UE comprometéronse a alcanzar a neutralidade climática na UE de aquí a 2050. Para alcanzar este obxectivo, de aquí a 2030 a UE reducirá as súas emisións netas de gases de efecto invernadoiro no conxunto da economía en polo menos un 55 % con respecto aos niveis de 1990, e seguirá reducindo progresivamente as emisións ata 2050.

Para cumprir coa súa parte, o sector do transporte debe experimentar unha transformación que fará necesaria unha redución do 90 % das emisións de gases de efecto invernadoiro (con respecto aos niveis de 1990) de aquí a 2050. O transporte representa hoxe algo máis do 30 % das emisións no conxunto de España.

Oxalá esta estratexia dea os seus froitos canto antes, pois a situación, a xulgar polos últimos datos do Informe do Clima, requíreo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade