Publicador de contidos
Publicador de contidos

A evolución da pobreza en Galicia en 2022, por María Loureiro

OPINIÓN

A evolución da pobreza en Galicia en 2022, por María Loureiro

G24.gal 18/10/2023 08:47

Onte mesmo publicouse a taxa AROPE para Galicia para medir o risco de pobreza e exclusión social nunha poboación. A taxa AROPE combina tres compoñentes principais: a) Risco de Pobreza: proporción da poboación que vive por baixo do limiar da pobreza, é dicir, con ingresos inferiores a un certo nivel considerado como mínimo para satisfacer as necesidades básicas; b) Exclusión Social: avalía a participación na sociedade e a inclusión social, tendo en conta factores como a privación material, a falta de acceso a servizos esenciais ou a participación en actividades sociais; c) Pobreza Severa: mide a proporción de persoas que se atopan nunha situación de pobreza extrema, con ingresos moi baixos e dificultades significativas para cubrir as súas necesidades básicas. En resumo, a taxa AROPE é unha medida composta que proporciona unha imaxe máis completa da situación de pobreza e exclusión social nunha poboación ao considerar múltiples dimensións de vulnerabilidade económica e social.

No ano 2022, o 23,6 % da poboación galega estaba en risco de pobreza e/ou exclusión social, marcando a cifra máis baixa dos últimos cinco anos. Esta porcentaxe sitúa a Galicia 2,4 puntos por debaixo da media nacional (rondando o 26 %) e representa unha diminución de 1,5 puntos en comparación co ano anterior. Aínda que se observa unha mellora na situación, esta é menos significativa que a diminución nacional, que foi de 1,8 puntos. Estes datos suxiren unha tendencia positiva cara á redución dos índices de pobreza nos últimos anos.

En termos absolutos, máis de 636.000 persoas residentes en Galicia estaban en risco de pobreza e/ou exclusión social en 2022, o que supón unha redución de 42.000 persoas con respecto ao ano anterior.

En termos de risco de pobreza e exclusión social, Galicia sitúase nunha posición intermedia en comparación coas outras comunidades autónomas en España. Comparado con 2015, o ano designado para a avaliación da Axenda 2030, a poboación en risco de pobreza e exclusión social en Galicia reduciuse nun 5,1 %, o que representa unha mellora tanto en termos xerais como en dous dos tres compoñentes da taxa AROPE. Porén, para cumprir co compromiso do Plan Estratéxico Galicia 2022-2030 de reducir a taxa de risco de pobreza ou exclusión social ao 14 % en 2030, é esencial manter e mesmo fortalecer as políticas e medidas sociais, de vivenda e de emprego.

O perfil da pobreza, se a estudamos por xénero, ten unha alta tendencia de feminización, xa que a pobreza é máis común entre mulleres ca entre homes, e en particular en fogares monoparentais ou con menores ao cargo. Por idades, existen dous tramos complexos, dentro da poboación infantil e xuvenil os datos indican que case un de cada cinco habitantes menores de 18 anos vive en circunstancias de pobreza, mentres que nas idades maiores de 65 anos a porcentaxe de pensionistas que cobran unha pensión por debaixo de 721 euros mensuais en 14 pagas (o limiar de pobreza) é de case o 48 % en Galicia, a taxa máis alta de toda España. Por tanto, confírmase a relación entre taxas de pobreza e importe das pensións. Con respecto ao ano pasado, o grupo de maiores de 64 anos é o único en que aumenta a taxa AROPE (23,1%, 3,6 puntos mais), mentres que entre a poboación menor descendeu notablemente (9,3 puntos) e na de 18 a 64 anos (23,6%) reduciuse en 1,8 puntos.

O impacto positivo das medidas executadas en resposta á pandemia e á crise económica en curso, como os ERTE ou o Ingreso Mínimo Vital, parece estar a contribuír a unha mellora da situación en xeral. Se non houbera transferencias públicas (do Estado, das comunidades autónomas, concellos, e outros), en Galicia a pobreza alcanzaría case o 48,6 % da poboación. Por outra banda, se non se tiveran en conta as pensións de xubilación e supervivencia, e só o resto das axudas e transferencia sociais, estariamos falando dunha porcentaxe de pobreza que superaría o 26,4 % da poboación galega.

En resumo, no 2022, Galicia experimentou unha mellora na taxa de risco de pobreza e exclusión social, situándose por baixo da media nacional. Pero con todo, requírense esforzos continuos para acadar os obxectivos da Axenda 2030 e garantir un futuro máis equitativo e xusto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade