A falta de persoal para a próxima vendima preocupa os adegueiros
A falta de persoal para a próxima vendima preocupa os adegueiros
Afecta as adegas de todas as denominacións de orixe galegas, especialmente, as de maior tamaño
Instan a buscar solucións para non poñer en perigo o momento máis importante da campaña
A falta de man de obra para a próxima vendima afecta as adegas de todas as denominacións de orixe galegas, especialmente, as de maior tamaño. Hai varios factores que agravan o problema.
"É un traballo complicado nalgún momento, moi puntual, circunscrito a unhas determinadas épocas. Non ofrecer continuidade é un problema para a xente, que loxicamente necesita unha estabilidade laboral e, cando vai evolucionando a sociedade, tamén vai escapando dos traballos manuais", di Francisco Bello, presidente da Asociación Agraria de Galicia.
Os afectados insisten na necesidade de buscar solucións para non poñer en perigo o momento máis importante da campaña.
"Haberá que recorrer a man de obra de fóra e traelos de xeito ordenado. Darlles todas as condicións laborais que necesitan, tamén as de vivenda digna. É importante que as administracións, os concellos como entidades máis próximas, favorezan esas facilidades"
E facilitar tamén a preparación do persoal para que a man de obra sexa especializada.
"Buscamos ter un contacto coa administración para que se poida formar xente moito antes da vendima para que, cando estean eses grupos minimamente organizados, poidamos ofrecelos ás adegas ou ás explotacións que necesitan esta man de obra".
A falta de man de obra non só ocorre durante a vendima. É un problema habitual nos distintos labores agrarios.