Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rosa Fernández: "Este erro prexudica a toda a sociedade e Déborahs hai moitas"

Rosa Fernández: "Este erro prexudica a toda a sociedade e Déborahs hai moitas"

Temen que o material do caso descuberto en dependencias policiais non sirva de moito a estas alturas

Consideran probable que no teléfono da finada atopado haxa información "de vital importancia"

A familia de Déborah vai emprender accións penais contra a Policía para que se depuren responsabilidades

 

G24.gal 18/09/2022 12:01 Última actualización 18/09/2022 16:17

A familia de Déborah Fernández emprenderá accións penais contra a Policía Nacional despois de que hai uns días aparecera nas dependencias da UDEV Central, no complexo de Canillas en Madrid, unha caixa co móbil da finada e outros documentos relacionados co caso.

Ese teléfono fora entregado pola familia á policía no ano 2006, catro anos despois da morte da muller de 21 anos. Nunha entrevista no informativo Bos Días da TVG, Rosa Fernández, irmá de Déborah, asegura que recibiron a nova coma un "xarro de auga fría".

"Porque os numerosos erros no caso de Déborah fannos pensar o peor: que non queren saber a verdade", conclúe.

Segundo explica, souberon da aparición deste material a través dos seus avogados, pero temen que a estas alturas non sirva de moito.

"O feito de que desaparecera dezaseis anos en dependencias policiais non sei se invalidará as propias probas, ou sexa, que todo o que saia de aí persoalmente creo que non vai servir de moito. Mais, probablemente no teléfono de Déborah podería haber información de vital importancia para o caso", salienta.

A morte de Déborah Fernández é a historia dun caso pechado sen culpable ou culpables en prisión. Só houbo un investigado, o seu exmozo, eterno sospeitoso para a familia e única liña de traballo activa tras a prescrición do caso. A consecución de erros failles pensar que non é algo casual.

"A sensación é que tentaron inhibirnos información para que a verdade non saíse á luz", considera.

Rosa Fernández recoñece que a familia leva moitos esforzos e cartos investidos para tentar coñecer a verdade. Pero tamén agradece a axuda altruísta de moita xente.

"O triste é que teñamos que ser as familias as que poñamos os medios. Un erro deste tipo prexudica a toda a sociedade e Déborahs hai moitas", lamenta.

Pide que se depuren responsabilidades neste novo erro policial e, sobre todo, autocrítica.

"É intolerable porque as familias xa temos bastante coa dor sufrida durante todos estes anos pola perda deste xeito dun ser querido. E dende logo o que quero é que o sistema cambie. Creo que teñen que ser moitísimo máis autocríticos e poñer medios para que non se volva repetir. A realidade é que a día de hoxe segue repetíndose, cousa que levamos denunciando durante máis de vinte anos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade