Publicador de contidos
Publicador de contidos

A familia do octoxenario desaparecido en Abadín pide a intervención da UCO para esclarecer o caso

A familia do octoxenario desaparecido en Abadín pide a intervención da UCO para esclarecer o caso

Enrique Bolívar Díaz Pardo, de 80 anos, leva xa nove meses en paradoiro descoñecido

Existe unha posible relación entre a súa desaparición e un coche calcinado en Ribadeo

Félix Aragunde 06/06/2024 14:12

Enrique Bolívar Díaz Pardo, un veciño de Abadín de 80 anos, leva xa nove meses en paradoiro descoñecido. Mentres a investigación da súa desaparición segue baixo segredo de sumario, a súa familia solicita a intervención da Unidade Central Operativa da Garda Civil para resolver o caso.

"A Garda Civil fará o que pode, ninguén di o contrario. Pero terán que vir máis medios para aclarar dunha vez o caso, porque pasaron nove meses e estamos como o primeiro día. Non sabemos nada, porque nada nos din", lamenta Marité Ares Rivas, curmá política do desaparecido.

"As cousas xa as deberan levar daquela en quente. Agora, que? Vai boa! Canto tempo pasou?", di Eduardo Díaz González, curmán do desaparecido.

Enrique foi visto por última vez no lugar de Fontepresa, na parroquia abadinesa de Quende, o pasado 3 de setembro. Dende aquela, o único rastro que se atopou del foi o seu bastón roto, localizado na mesma pista.

Nin a súa carteira, nin o seu móbil e nin sequera as súas lentes ou as chaves da súa casa. Nada disto puido ser atopado malia o amplo dispositivo de busca posto en marcha no seu momento, con axentes, veciños, cans de rastrexo, drons e mesmo helicópteros.

O que si se encontrou foi unha posible relación entre a desaparición de Enrique e un coche que aparecera calcinado en Ribadeo, cuxo dono foi interrogado pero non resultara imputado. Agora, familiares e achegados mesmo din ter medo.

"Quen di que mañá está por aí e eu, ou outro, porque aquí que hai moita xente de idade que van andar, e que non lle faga o mesmo, visto o visto? Un día coma hoxe, eu non sei se podo saír andar ou se non", di Marité.

"Apareceu un coche, e se era dunha persoa coñecida, era cando tiñan que investigar iso, ou?", cre Eduardo.

O caso, sobre o que todo son incógnitas, está a cargo do Xulgado de Instrución número 2 de Mondoñedo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade