A 'Familia' vence no último suspiro a Porto Rico
A 'Familia' vence no último suspiro a Porto Rico
A selección feminina de baloncesto logra o triunfo pola mínima ante Porto Rico (63-62)
O equipo adestrado por Miguel Méndez consegue clasificarse para os cuartos de final
María Araújo e Paula Ginzo contribuíron con 12 puntos entre as dúas
Tras a axustada vitoria ante China, a selección feminina de baloncesto debía enfrontarse a Porto Rico, no que semellaba ser o partido máis doado para a 'Familia'.
España comezou o encontro levando a iniciativa. O conxunto adestrado por Miguel Méndez impoñía o seu xogo na pista e no electrónico, pechando o primeiro cuarto cun resultado favorable (9-18). Foi clave o rendemento de Megan Gustafson, dominante na pintura. A piques de rematar a primeira metade, España conseguía aumentar a distancia e pórse 15 puntos por riba de Porto Rico.
Tras a saída de vestiarios, as americanas reaccionaron. España relaxouse e permitiu que as súas rivais lle empataran o encontro ao termo do terceiro cuarto. O esforzo de Gustafson e Leo Rodríguez, que achegaron 18 e 17 puntos respectivamente, permitiu que a 'Familia' seguira no partido ata o final do encontro. A falta de dous segundos e un abaixo, Laura Gil recibiu unha falta e, tras anotar os dous puntos desde a liña de tiro libre, daba a vitoria a España.
O papel das xogadoras galegas da selección foi tamén destacado. María Araújo parece esquecer os seus problemas coas lesións e foi a terceira máxima anotadora de España, con 8 puntos. Paula Ginzo conseguiu tamén 4 puntos para axudar na consecución da vitoria.
As xogadoras de Miguel Méndez sitúanse primeiras no seu grupo, cun récord de 2-0 e clasificadas xa para os cuartos de final.