Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Federación de Estacións de Servizo alerta da asfixia económica das gasolineiras rurais

A Federación de Estacións de Servizo alerta da asfixia económica das gasolineiras rurais

Fáltalles liquidez para adiantar a axuda dos 20 céntimos litro nos combustibles

As fortes oscilacións no prezo das cisternas debilítaos fronte as grandes gasolineiras

 

G24.gal 04/10/2022 14:55

Máis de 70 anos leva a familia de Ramón vendendo gasolina en Portomouro. Un servizo que dá moito máis ca combustible aos veciños da contorna.

"É a de toda a vida, a máis próxima, ademais teñen tenda e nos deixan os paquetes aquí", din os clientes.

Pero as cousas estanse a poñer difíciles nos últimos tempos nestes pequenos negocios. Despois da pandemia chegou a guerra coa suba dos combustibles e con ela a rebaixa dos 20 céntimos por litro. Eles teñen que adiantar os cartos, pero non os recuperan ata o seguinte mes.

"Liquidez hai, pero se a temos que gastar en adiantar os 20 céntimos da bonificación logo temos que pedir un crédito para mercar a cisterna coa que enchemos o tanque" explica Ramón Viña Canedo, propietario da estación de servizo de Portomouro, no concello de Val do Dubra.

Ademais, as fortes oscilacións no prezo das cisternas debilita estes pequenos negocios fronte ás grandes gasolineiras que enchen os tanques todos os días.

"Ao mellor tiveches que encher nun dos días que ía caro e o veciño comprou ao día seguinte catro céntimos litro máis barato. El vai marcar no seu monólito un prezo co que eu non podo competir, non se pode soportar, excepto que me poña a vender perdendo beneficio", di Ramón.

Segundo datos da Federación, xa pecharon 3 estacións rurais nos últimos meses, unha delas moi preto deles, en Paramos. Un servizo máis que se perde nunhas zonas con cada vez menos tráfico, comercio e poboación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade