A Festa da Filloa de Lestedo obtén o título de Festa de Interese Turístico Nacional
A Festa da Filloa de Lestedo obtén o título de Festa de Interese Turístico Nacional
Converte esta celebración na terceira da provincia da Coruña con esta distinción
A Festa da Filloa de Lestedo acaba de obter o título de Festa de Interese Turístico Nacional, que converte esta celebración na terceira da provincia da Coruña con esta distinción.
A Secretaría de Estado de Turismo remitiu este martes ao Concello de Boqueixón, quen cursou a solicitude impulsada pola Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, a resolución favorable á concesión do título. Tanto a Asociación Cultural da Filloa de Lestedo como o Concello amosaron a súa satisfacción por obter este título.
“Esta é a xusta recompensa e recoñecemento ao esforzo realizado por parte da veciñanza de Lestedo durante máis de catro décadas”, asegura o presidente da agrupación, Xosé Manuel Canabal.
“Agardamos que esta declaración sirva para ampliar as actividades promocionais e divulgativas en torno á Filloa de Lestedo, levándoa a distintos puntos da xeografía española”, engadiu.
“Esta distinción abre as portas á proxección da Festa da Filloa de Lestedo alén as nosas fronteiras, poñendo en valor a nosa tradición, cultura e o bo facer da nosa veciñanza", afirmou o rexedor de Boqueixón, Ovidio Rodeiro.
Cumprimento de requisitos
A Festa da Filloa de Lestedo acreditou cumprir con todos os requisitos esixibles por parte da Secretaría de Estado de Turismo para acadar este recoñecemento a nivel nacional. Entre eles, atópase a moción de apoio unánime por parte da Corporación municipal á declaración FITN, e un informe favorable emitido por parte da Axencia de Turismo de Galicia en apoio á súa candidatura.
Na memoria técnica da Asociación Cultural da Filloa, realizada en colaboración co Concello, acreditáronse a orixe da celebración desde 1984, o arraigamento cultural, a implicación veciñal e datos sobre a colaboración establecida con diferentes entidades tanto locais como supramunicipais.
Do mesmo xeito, incluíronse os preto de medio cento de impactos que a Festa tivo en diversos medios de comunicación, xeneralistas e especializados a nivel nacional, o que corrobora o interese pola celebración. Tamén se recolleron datos sobre as visitas rexistradas nos últimos anos e como esta celebración contribúe á dinamización económica de Lestedo, de Boqueixón e da súa contorna.
O Concello e Asociación Cultural da Filloa de Lestedo prevén a celebración dun acto para celebrar esta declaración como Festa de Interese Turístico Nacional.