Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Festa da Filloa de Lestedo xa é de Interese Turístico Nacional

A Festa da Filloa de Lestedo xa é de Interese Turístico Nacional

Hai 157 festas con esa distinción no estado, unha ducia galegas

A Festa da Filloa naceu en 1984, e celébrase o domingo seguinte ao martes de Entroido

G24.gal 22/04/2024 14:13

Un dos segredos que fan exquisita a filloa de Lestedo pode estar no amoado. "Leva ovos, fariña, sal, e unha auga especial, porque é do Pico Sacro", asegura a filloeira Isabel Tejo. E lembra tamén os tempos de antes, cando se facían quentando unha pedra con lume de faíscas de piñeiro. 

É tanta a tradición filloeira desta parroquia de Boqueixón, que dende 1984 a veciñanza celebra unha festa arredor dela. E agora poden celebrar tamén que lle outorgaran a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional.

"É un gran recoñecemento, sobre todo para os veciños, que son os auténticos protagonistas", di José Manuel Canabal, presidente da asociación cultural Filloa de Lestedo. Lembra que, cada ano, na festa "traballan arredor de 200 ou 250 persoas".

Eran dende 2008 Festa de Interese Turístico de Galicia, e agora dan un paso máis ao entrar no club das nacionais. Só hai unha ducia de festas galegas con este recoñecemento, que vai supoñer un impulso importante na promoción do produto.

"Ten que contribuír a enxalzar o produto e, en segundo lugar, a recoñecer tantos anos de traballo dos veciños e veciñas do concello.", afirma Pedro Blanco, delegado do Goberno. "Creo que vai contribuír tamén a impulsar o turismo na comarca, que é fundamental", engade.

E máis alá da festa, concello e veciñanza traballan para que a filloa estea presente o resto do ano. Segundo o alcalde, Ovidio Rodeiro, xa hai quen elabora e vende filloas de Lestedo en calquera tempada, e van abrindo portas: "Os eventos máis importantes que hai por Galicia están chamando xa as filloeiras de Lestedo, igual que as polbeiras -afirma Rodeiro-, así que hai que seguir traballando nesa liña".

Soas ou recheas, doces ou salgadas, animan a seguir consumíndoas ata que chegue a próxima Festa da Filloa en Lestedo. Será, coma sempre, o domingo seguinte ao martes de Entroido. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade