A folga de Ryanair ocasiona a cancelación de 13 voos en aeroportos españois
A folga de Ryanair ocasiona a cancelación de 13 voos en aeroportos españois
Sufriron atrasos 76 traxectos, con especial afectación nos aeroportos de El Prat e de Palma de Mallorca
Despois das seis xornadas de folga convocadas a finais de xuño e principios deste mes, os tripulantes de cabina da compañía aérea Ryanair en España retoman as mobilizacións.
Ata finais de xullo, se non hai acordo antes, teñen convocadas outras 12 xornadas de folga en todas as bases españolas da compañía.
Durante as primeiras horas desta mañá, o paro obrigou a cancelar 13 voos, a maioría no aeroporto de Barcelona. Outros 76 enlaces sufriron atrasos, con especial incidencia en El Prat e no aeródromo de Palma de Mallorca.
Os sindicatos convocadores reclaman á compañía irlandesa que volva sentar a negociar un convenio colectivo que recolla condicións laborais dignas e que se adapten á lexislación española.
"A empresa aplicou procesos disciplinarios a máis de 70 traballadores polas folgas anteriores e aplicou catro despedimentos, o cal fixo que entre o cadro de persoal se espalle certo medo", aseguran.
As primeiras seis xornadas de paro en Ryanair obrigaron a cancelar 215 voos con orixe ou destino en aeroportos españois, e máis de 1.200 sufriron atrasos.