Publicador de contidos
Publicador de contidos

A FP en Galicia abrirá a preinscrición a semana do 24 de xuño e terá 1.799 grupos

A FP en Galicia abrirá a preinscrición a semana do 24 de xuño e terá 1.799 grupos

O número de prazas crece un 11 %, con 4.500 de nova creación

Os interesados poderán elixir entre 153 ciclos de grao medio, básico e superior, 22 másteres, 24 graos de alta especialización e 15 programas de formación

Román Rodríguez na presentación do novo catálogo de FP
G24.gal 05/06/2024 15:56

A Xunta de Galicia abrirá a semana do 24 de xuño o prazo de preinscrición para cursar ciclos de Formación Profesional, que o próximo curso contará cun total de 214 titulacións, 46.714 prazas de novo ingreso e 1.799 grupos de clase.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou este mércores no CIFP Compostela o novo catálogo de ciclos de FP, que foi aprobado o pasado luns na reunión semanal do Consello de la Xunta.

Neste sentido, Rodríguez destacou a cifra "récord" na oferta de FP, debido a que crece un 11 % o número de prazas, en concreto crearanse 4.500 prazas máis ata chegar ás 46.714, conformando un total de 1.799 grupos.

O conselleiro sinalou que a FP en Galicia é "ampla, variada e de calidade" e que está deseñada "a partir do diálogo entre a comunidade educativa e os sectores socioeconómicos". Segundo Rodríguez, búscase que "todo aquel que o desexe, atope unha praza na FP, con formación case á carta que se adapta ás necesidades e intereses de cada persoa".

Os interesados poderán elixir entre 214 titulacións diferentes, 17 delas de nova implantación, divididas en 153 ciclos de grao medio, básico e superior, 22 másteres, 24 graos de alta especialización e 15 programas de formación dirixidos a persoas con necesidades educativas especiais.

Imaxe da presentación Imaxe da presentación

Segundo Román Rodríguez, esta oferta reforzada contribuirá a "protexer a igualdade de oportunidades como sinal de identidade" do sistema educativo galego do que forma parte a Formación Profesional.

No referido ás familias profesionais, as prazas aumentan en 24 das 25 que existen en Galicia. Destas, catro crecen por encima do 20 % e outras 11 fano por encima do 10 %. Cabe destacar que a familia de Industrias Extractivas crece máis dun 46 %, Edificación e Obra Civil aumenta máis dun 29 %, Instalación e Mantemento aumenta máis dun 22 %, e Seguridade e Medio Ambiente faino en máis dun 20 %.

Se miramos as cifras absolutas, son dez familias profesionais que incrementan o seu número en máis de 200 prazas respecto a este ano, entre elas Informática e Comunicacións (que suman 534 prazas máis), Hostalería e Turismo (483 máis) e Comercio e Márketing (442 máis).

Respecto a os datos por territorio, a oferta está a crecer en todas as zonas de Galicia, consolidándose a tendencia á alza nas áreas metropolitanas máis poboadas. Vigo mantense á cabeza, ao aglutinar o 22 % da oferta total da comunidade autónoma.

Con todo, faise fincapé en reforzar a oferta no medio rural onde, en palabras de Román Rodríguez, “a FP actúa como vector de desenvolvemento, axuda a estabilizar a poboación, a crear emprego, a crear riqueza e a construír país”.

Para o próximo curso ofértanse un total de 7.631 prazas no ámbito rural, o que supón un 11,5 % máis (789 prazas máis) que no actual curso. Neste ámbito destacan ciclos como Produción Agroecolóxica, Soldadura e Caldeiraría, Química e Saúde Ambiental ou Deseño e Mobiliario.

Rodríguez explicou que a FP responde a dous obxectivos: "poñer o alumno no centro do sistema", para proporcionar as "destrezas necesarias para formalos como profesionais"; e, doutra banda, adaptar os ciclos "ás necesidades de profesionalizar as empresas para adecuar a formación aos requirimentos dos sectores produtivos".

Por último, o representante de Educación sacou peito da inserción laboral que cultiva a FP en Galicia, que está arredor do 85 % nos ciclos ordinarios, que pasarán a chamarse duais, e no 100 % nos que ata o de agora se denominaban duais e que pasarán a chamarse duais intensivos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade