Publicador de contidos
Publicador de contidos

A frota galega poderá pescar o dobre de bacallau o ano que vén en augas da NAFO

A frota galega poderá pescar o dobre de bacallau o ano que vén en augas da NAFO

Tamén aumenta o 56 % a cota de escarapote e mantense a do fletán

G24.gal 22/09/2023 14:28 Última actualización 22/09/2023 16:33

As negociacións das cotas da NAFO para o ano que vén deixan boas cifras nas especies que máis pescan os barcos galegos: unha suba do 56 % no escarapote, de case o 92 % no bacallau e o mantemento da cota do fletán, que finalmente non baixa.

As novas cotas para o sector pesqueiro pecháronse no mesmo escenario que acolleu en xullo a reunión informal dos ministros de pesca da Unión Europea, o Auditorio Mar de Vigo, onde, durante toda a semana, as delegacións internacionais do Atlántico norte debateron sobre as capturas ás que poderán acceder o próximo ano e que deixan satisfacción no sector pesqueiro.

Iván López, de Cecopesca, revelou que o bacallau pasa de 6.100 toneladas a 11.708, o que supón un incremento do 91,8 %.

O escarapote, nunha das áreas, sobe de 11.171 toneladas a 17.503, un 56,7 %, e mantense a cota do fletán, que no caso de Galicia é de 5.000 toneladas.

A posibilidade de capturar máis bacallau pode facer que algún bacalladeiro galego volva pescar no atlántico noroeste e compensar, polo menos en parte, o descenso dos límites de pesca en Noruega.

"Non imos recuperar os niveis históricos, chegaron a faenar uns 30 barcos, pero é moi importante manter a actividade actual", precisou Iván López, quen engadiu que agora hai 4 barcos que faenan integramente alí e outros 4 ó 5 que fan algunha marea e combínana con outros caladoiros.

Na súa comparecencia aplaudiu a "gran negociación" da delegación europea, que contou con "un dos ideólogos do Brexit".

A NAFO supón para Galicia uns 150 empregos directos, que con rotación roza os 200, o que supón uns 800 en terra.

"Manter a actividade axuda a ver mellor o futuro e que a xente nova poida ver que hai posibilidades de dedicarse a isto", dixo en alusión á substitución xeracional no sector.

Ademais, advertiu de que a reunión foi "moi tranquila" e que "case todo" quedou aprobado xa o martes coas propostas do comité científico.

A de Vigo foi a reunión número 45 da organización e supuxo a volta á cidade galega nove anos despois, foi sede da edición de 2014.

Na anterior reunión anual da NAFO, a de 2022, a mellora da situación do bacallau xa permitira un incremento do 52 % no Total Admisible de Capturas (TAC) da zona 3M, ata as 6.100 toneladas, mentres que o fletán negro sufriu unha redución do 5 % e mantivéronse as posibilidades de pesca de anos anteriores para especies como o escarapote e a raia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade