Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Garda Civil detén o autor de varios roubos con forza en Verín, Xinzo e Barbadás

A Garda Civil detén o autor de varios roubos con forza en Verín, Xinzo e Barbadás

A Garda Civil seguíalle a pista desde que comezaron os roubos

G24.gal 22/05/2023 14:04 Última actualización 22/05/2023 14:27

Detido o autor de varios roubos en Xinzo, Barbadás e Verín.  A Garda Civil seguíalle a pista dende que comezaron os roubos o pasado mes de abril. Dende entón varios locais de hostalería foron asaltados tras a hora de peche na procura de cartos en efectivo. O ladrón pillárono esta fin de semana tras roubar nunha cafetería de Verín na praza da Mercé. 

Jesús repasaba este luns os danos na porta de entrada do seu local. Levaba dúas horas pechado o sábado pola noite, cando de madrugada saltou o sistema de alarma. 

"Acabáramos de pechar había unha hora e media ou dúas horas. De feito eu aínda non me deitara que estaba comprando uns churros e me dixeron vaite para alí enseguida que parece que nos están roubando no bar. Cando chegamos aquí estaban as portas rebentadas e xa empezaron a investigar por aí porque nas cámaras saían dúas persoas, unha muller e un home e con certa roupa. E colléronos de alí a quince minutos", explica Jesús Otero Castro, dono do local asaltado.

Ao suposto autor deste roubo tamén se lle imputan un furto e catro roubos con forza en establecementos hostaleiros; dous en Verín, un en Xinzo e outro en Barbadás. Aquí, nun centro comercial, mesmo chegou a forzar os armarios dos traballadores á procura dos seus efectos persoais. 

"A Garda Civil xa tiña a "Operación Tizón" en marcha, xa estaban facéndolle seguimentos e foi a Garda Civil de Verín quen o detivo, e a operación levouna a Garda Civil de Xinzo. Levou toda a recadación das caixas rexistradoras, e nalgúns bares a recadación de lotarías. En total todo o subtraído ascende a uns catro mil euros", apunta Sonia Salgado Rolán, voceira da Garda Civil de Ourense.

O detido, de 31 anos e nacionalidade portuguesa, ten numerosos antecedentes penais. Tras a súa detención pasou hoxe a disposición xudicial en Xinzo de Limia.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade