Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Garda Civil determina que a narcolancha do Cabra non foi a que matou os axentes de Barbate

A Garda Civil determina que a narcolancha do Cabra non foi a que matou os axentes de Barbate

A investigación descarta a relación cos delitos de asasinato e atentado das seis persoas que están en prisión preventiva, entre elas, Kiko, o Cabra

G24.gal 08/05/2024 19:50

Os investigadores da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil e da Policía Xudicial da Comandancia de Cádiz determinaron que a narcolancha que pilotaba Kiko, o Cabra, non foi a que matou os axentes no porto de Barbate.

Foi outra narcolancha que estaba no porto o pasado 9 de febreiro a que bateu contra a patrulleira. Tras as pescudas do equipo conxunto de investigación pódese concluír que a única embarcación de alta velocidade que arremeteu nese porto na noite do día 9 de febreiro ata seis veces contra a patrulleira non foi a narcolancha intervida ao día seguinte e pola que están en prisión seis persoas, entre elas Kiko, o Cabra.

Por iso, descartan a participación dos investigados nos feitos, é dicir, na perpetración dos delitos de asasinato e atentado, aínda que non ao delito de contrabando. As fontes precisaron que será agora a autoridade xudicial a que decida sobre a situación procesual dos seis investigados.

Os seis acusados declararan que aquela noite estaban no porto de Barbate nunha narcolancha de catro motores e dúas antenas, pero que non arremeteran contra a embarcación dos axentes. O que si fixeron foi gravar cos seus móbiles o que ocorreu, unhas imaxes que as súas defensas remitiron ao xulgado para que fosen analizadas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade