Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Garda Civil incáutase do maior alixo de marihuana descuberto ata o momento

A Garda Civil incáutase do maior alixo de marihuana descuberto ata o momento

Os axentes desmantelan unha organización que almacenaba 32 toneladas de gromos da droga envasados en Toledo, Cidade Real, Valencia e Asturias

Distribuían a droga por toda España e chegaba ata Suíza, Holanda, Alemaña e Bélxica, entre outros países europeos

G24.gal 05/11/2022 11:24 Última actualización 05/11/2022 20:11

A Garda Civil aprehendeu o maior alixo de marihuana envasada descuberto ata o momento a nivel internacional. A operación concluíu coa intervención de 32 toneladas de gromos almacenados en Toledo, Cidade Real, Valencia e Asturias a cargo dunha organización que presuntamente enviaba a droga, envasada ao baleiro, por España e Europa.

A equivalencia en plantas sería de case 1.100.000 exemplares. Hai 20 detidos, nove homes e once mulleres de entre 20 e 59 anos.

A organización controlaba todo o proceso de produción e distribución da droga,  A investigación comezou cunha inspección da Garda Civil en varias plantacións de cánnabis industrial de Villacañas (Toledo), onde os principais investigados posuían unha empresa coa que adquirían as sementes.

Outra empresa transportábaas e sementaba e unha terceira encargábase do coidado, mantemento, colleita e secado dos exemplares. Finalmente, a empresa inicial encargábase de adquirir as plantas xa secas cos gromos e almacenábaas en dúas naves situadas na provincia de Valencia. Desde aí os detidos procesaban o xénero, separando gromos e envasándoos ao baleiro en diferentes formatos para envialos tanto a lugares do territorio español coma a países europeos, principalmente Suíza, Holanda, Alemaña e Bélxica.

A segunda inspección foi en Almagro (Ciudad Real) durante o mes de outubro, onde os axentes descubriron unhas 37.000 plantas distribuídas en catro invernadoiros, en proceso de secado, e catro toneladas de picadura de marihuana almacenadas en sacas.

O destino de toda a mercadoría eran os dous almacéns de Valencia, e os axentes detiveron a tres persoas. En Valencia a Garda Civil incautouse de 30.530 quilos de gromos, de 20 quilos de pole -todo envasado ao baleiro-, de 21.600 plantas en proceso de secado e de 231.200 paquetes de gromos de marihuana. Neste rexistro houbo quince detidos e acharon ademais documentación que acreditaba a existencia de varias plantacións máis e maquinaria para o procesado, elaboración e envasado. Contaban con dúas máquinas para a extracción do pole.

Na fase final da operación os investigadores trasladáronse a Asturias, onde aprehenderon 4.000 plantas e detiveron a dous implicados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade