A Garda Civil investiga o roubo de varias xoias de ouro na igrexa de San Clodio, en Ribas de Sil
A Garda Civil investiga o roubo de varias xoias de ouro na igrexa de San Clodio, en Ribas de Sil
Os ladróns fixéronse con varias ofrendas, coma unha medalla, unha cadea ou un anel
A igrexa parroquial de San Clodio, en Ribas de Sil, foi desvalixada. Para accederen ao templo, os ladróns romperon un cristal da porta lateral. Unha vez dentro, fixéronse coas xoias de ouro da Virxe, unha cadea, unha medalla e mais un anel. Ademais, deixaron todo revolto na sancristía.
Lino Smith, párroco de San Clodio: "Dúas servidoras que arranxan todo para o domingo topáronse coa sorpresa de que violentaran a porta lateral. Daquela puxéronse en contacto comigo para notificar o sucedido. Eles viñeron a por cartos, pero nós non os deixamos aquí".
Ademais das xoias de ouro, os asaltantes tamén levaron do sagrario unha peza dourada. Neste sentido, o párroco de San Clodio presentou a correspondente denuncia ante a Garda Civil, que está a investigar os feitos.
Lino Smith, párroco de San Clodio: "Puxemos a denuncia no cuartel, recorrendo ao mecanismo pertinente, e reparamos os danos da porta. Aínda que temos seguridade, fíxoselles doado entrar no templo".
Á parte das perdas sufridas, os danos ocasionados no templo foron valorados nuns 300 euros.