A Garda Civil investiga o roubo duns 30.000 euros nunha casa en Friol
A Garda Civil investiga o roubo duns 30.000 euros nunha casa en Friol
O principal sospeitoso fíxose pasar por un novo veciño para conseguir o botín
Unha vivenda de Gonce, na parroquia friolesa de Vilafiz, foi asaltada. Segundo denuncian os seus donos, levaron uns 30.000 euros en efectivo que gardaban no interior da vivenda.
As vítimas sospeitan que o ladrón é un home que se fixo pasar por un novo veciño para gañar a súa confianza e roubar os seus aforros. De feito, puido saber onde tiñan os cartos gardados porque nunha ocasión lle emprestaran 800 euros.
Divina Montouto, dona da casa: "El baixou, marcharon os dous xuntos cos cartos e foi cando llos deu. E o 24 de setembro, na feira do gando, ao marido faltábanlle cartos na carteira. Despois, foi mirar á casa onde os tiña, e xa se atopou sen eles".
O roubo foi denunciado ante a Garda Civil, que investiga agora a súa autoría. Ao parecer, o presunto ladrón, que negou os feitos, xa tiña antecedentes penais.
"Agora dinnos que el xa estivo dez anos no cárcere. Ao irmos declarar a Vilalba, o garda civil veu aquí e ensinoume varias fotos, e nunha delas saía moi cambiado".
Tocante á razón pola que gardaban os aforros na casa, as vítimas do roubo sinalan unha mala experiencia co banco, ocorrida hai anos.
"O director tamén se deu en facer moi amigo do meu home, e cando foi mirar os cartos na conta, non había nada. Grazas que estaban as libretas na casa e puido recuperar o diñeiro. Como era unha conta que non se movía, facía negocios con ela".
Tras o acontecido, o presunto ladrón non volveu presentarse no lugar, e mesmo negou que tivera trato cos denunciantes.