A Garda Civil pide a colaboración cidadá para dar cun dos supostos autores do crime de Arteixo
A Garda Civil pide a colaboración cidadá para dar cun dos supostos autores do crime de Arteixo
Cinco persoas foron detidas en relación con este crime: catro están en prisión e unha quedou en liberdade
O home foi tiroteado en outubro pasado en Arteixo en plena rúa
A Garda Civil solicita a colaboración cidadá para localizar un dos supostos autores do crime de Arteixo, perepetrado o 29 de outubro de 2023 neste concello coruñés.
Os feitos causaron unha gran conmoción entre os veciños debido á violencia empregada no ataque. Os autores utilizaron diversas armas brancas, causaron múltiples feridas inciso-cortantes á vítima e realizaron tres disparos que provocaron unha grave hemorraxia que o levaron
á morte.
Pouco despois de perpetrarse o crime, cinco persoas foron detidas; unha quedou en liberdade. Os outros catro investigados están en prisión sen fianza. Dous dos arrestados están considerados os autores intelectuais do homicidio.
A Garda Civil tenta agora dar co paradoiro de Salah Eddine Dekkiche, un dos supostos autores do homicidio, e piden a colaboración cidadá para localizalo. A investigación continúa aberta.
Pódese contactar co Grupo de Persoas de Policía Xudicial da Garda Civil da Coruña a través do correo electrónico c-cmd-coruna-pjpersonas@ guardiacivil.org ou do teléfono 981167800 Ext. 1510346.
Un homicidio coidadosamente planificado perpetrado en outubro
Desde o primeiro momento, os axentes determinaron que os feitos foran planificados, o cal os levou a pensar que a investigación se prolongaría no tempo. Pouco despois do crime, os axentes tomaron declaracións a dúas supostas testemuñas directas. Ante as contradicións que presentaban nas súas versións, foron detidas e postas ao dispor xudicial. O xuíz ordenou o seu ingreso en prisión sen fianza.
Así comezou unha complexa investigación para localizar un grupo que se desprazou
desde fóra de Galicia ata Arteixo coa intención de cometer o homicidio. Grazas a diversas técnicas de investigación durante sete meses, logrouse identificar a todos os membros do grupo, incluídos catro individuos provenientes do sur de España, preto do Campo de Xibraltar, vinculados
á Mocro Maffia.
Determinouse que un dos investigados é irmán do coñecido narcotraficante Tayena, asasinado en Cádiz en abril do ano pasado. A partir de entón, o seu irmán, involucrado nestes feitos, asumiu o liderado da organización criminal.
Agora buscan a Salah Eddine Dekkiche, un dos supostos autores do homicidio. A investigación continúa aberta.