A gastroenterite de Leonor e Sofía marca a entrega do Premio Pobo Exemplar de Asturias
A gastroenterite de Leonor e Sofía marca a entrega do Premio Pobo Exemplar de Asturias
A infanta non se desprazou a Cadavéu e a princesa retirouse antes dos discursos
Os reis prometen volver coas súas fillas para que poidan gozar deste lugar
Unha gastroenterite impediulle á princesa Leonor entregar o Premio Pobo Exemplar de Asturias, que este ano lle correspondeu a Cadavéu.
A raíña Letizia foi a encargada de ler o discurso que debía pronunciar a herdeira. A infanta Sofía tampouco puido asistir a un acto que se celebra tras a entrega dos Premios Princesa de Asturias.
Os reis e a princesa de Asturias chegaron cunha hora de atraso. Os tres percorreron as rúas desta localidade, situada preto de Luarca.
Saudaron os veciños, visitaron a casa natal do padre Galo, un dos poetas máis importantes en lingua asturiana, e Leonor plantou unha árbore. Pero no momento dos discursos, a princesa de Asturias xa non estaba.
"Sofía pasou mala noite e agora Leonor tamén estaba regular ao levantarse e fixo un esforzo pero non puido ser pero as gastroenterites... creo que en 24, 48 horas pasarán, algo lles sentou mal".
O Rei tamén lamentou a ausencia da súa filla a maior.
"Fixo un esforzo grande por estar hoxe aquí e aguantou ata onde puido e á infanta tamén lle facía ilusión vir pero como dixo a Raíña, volveremos".
A Raíña leu o discurso que tiña preparado Leonor.
"Grazas por mostrarnos a beleza deste lugar e por permitirnos que o coñezamos mellor".
A visita real a Cadavéu finalizou no miradoiro da ermida da Regalina, onde cada ano se celebra unha das romarías máis famosas de Asturias.