A igrexa máis antiga de Galicia recibe visitantes de todo o mundo
A igrexa máis antiga de Galicia recibe visitantes de todo o mundo
Situada en Santa Comba de Bande, data da época dos visigodos
Unha veciña da aldea, Marisé Alonso, é a que custodia as chaves e guía os visitantes
O día non acompaña na Baixa Limia, pero xa hai un matrimonio da Coruña agardando por Marisé.
"Andamos facendo rutas por aí, e esta é unha das últimas que nos quedaba", explica a muller.
A guía de Santa Comba leva dúas décadas exercendo un oficio voluntario, non remunerado, que fai por amor á arte.
"Vén a xente, non está pechada, pódena visitar e falas con eles. Eles tamén che explican, así que recolles máis do que dás", explica María Isabel Alonso -Marisé-, guía da igrexa visigótica de Santa Comba de Bande.
Formada en primeiros auxilios, tivo que estudar para facer de guía. Aprendeu tamén dos investigadores que acoden a esta xoia da arquitectura visigótica para estudala en persoa.
Monumento nacional
A igrexa orixinal data do século VII, a máis antiga que se conserva en Galicia, pero nestes 14 séculos de historia foi recibindo achegas das culturas posteriores. Por alí pasan visitantes de todo o mundo. Á cabeza de Marisé veñen noruegueses, austríacos, alemáns... e ata un sirio.
"De Siria veu un rapaz que estivo estudando Arquitectura e caeulle esta igrexa no exame", comenta Marisé.
"Ata teñen vido de Australia casar aquí, tiveron a voda aí nese muro", engade outro veciño.
Un orgullo para os veciños de aquí, os que viven ás portas dun monumento nacional. Porque Santa Comba tamén ten o título do primeiro monumento nacional que se declarou en Galicia, hai xa máis de cen anos.