Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Inspección de Traballo impón por primeira vez unha sanción por incumprir a lei 'rider' a Glovo

A Inspección de Traballo impón por primeira vez unha sanción por incumprir a lei 'rider' a Glovo

É a primeira que se trata tras a entrada en vigor da lei

O Ministerio de Traballo insistiu en que a Inspección de Traballo estará vixiante para que se cumpra a legalidade vixente

G24.gal 18/01/2024 17:28

Glovo recibe a primeira sanción emitida pola Inspección de Traballo por incumprir a denominada lei rider co novo modelo de relación laboral que se estableceu para os seus repartidores tras a aprobación desta. Segundo confirmaron dende o Ministerio de Traballo, impúxose unha sanción por empregar de maneira fraudulenta 49 repartidores en Asturias.

Non é a primeira vez que a Inspección sanciona a empresa de repartición a domicilio por empregar os seus repartidores como falsos autónomos, pero si que é a primeira que se trata tras a entrada en vigor da lei, o 12 de agosto de 2021.

Segundo detalla a Inspección de Traballo, acreditaron que o modelo que puxo en marcha Glovo para evitar a presunción de laboralidade que marca a lei tamén incumpre coa normativa.

Un dos portavoces da empresa de entrega a domicilio sinalou que se trata dunha "proposta provisional" da Inspección para o caso concreto de 49 repartidores, dun total de 19.000 que traballan a través de Glovo.

"Baséase, ademais, unicamente no testemuño dos devanditos repartidores e non nunha análise das características operativas actuais da aplicación de Glovo en España", engadiron.

Unha vez aprobada a lei, a empresa catalá, controlada polo grupo alemán Delivery Hero, anunciou que mantería a maioría dos seus repartidores como autónomos baixo un novo modelo de relación.

Glovo explicou que as modificacións que levara a cabo na súa relación cos riders eran suficientes para cumprir coa normativa. Outras empresas do sector criticaron a postura de Glovo e dende o Ministerio de Traballo insistiron en que a Inspección de Traballo estará vixiante para que se cumpra a legalidade vixente.

En setembro de 2022, a Inspección de Traballo xa impuxo unha multa de case 79 millóns de euros a Glovo por ter contratados como falsos autónomos 10.614 traballadores en Barcelona e Valencia.

A sanción, segundo alegaba a empresa, non estaba relacionada coa lei rider, posto que o período inspeccionado comprendía dende o 2018 ata agosto de 2021, data de entrada en vigor da normativa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade